30.12.08

Miscelánea


Entre o celo de Dona e as visitas familiares (que este ano se reduciron a Teucro, pois na aldea sagrada téñenlles fobia aos cans) non tiven un momento para desexarvos felices festas, pero chego a tempo para esperar para todos un aninovo cheo de venturas.
En Teucro perseguíronnos varios cans seducidos polos efluvios de Dona; aquí na casa temos a tres pretendentes (dous deles de tamaño reducido, pero pertinaces coma a peor sequía do século) que roldan a casa e provocan os ladridos abouxadorees da nosa cadela, que non fai máis que ir do portón á cancela e da cancela ao portón. Hoxe escapou nun descoido de B e recibiu unhas cheiradiñas do negriño, ese que de cativa lle provocaba temor. Segundo B, gustoulle. O que son as cousas!
Entrementres tiven días para ler a segunda de Millenium, do malogrado Stieg Larsson e gustoume unha barbaridade. A protagonista é a rapaza de aspecto anoréxico que na primeira lle salva a vida a Mikael e con quen este contrae unha débeda que non sabe como saldar. Entre ecuacións, xigantes rubios e sorprendentes pais transcorre a novela con moita acción, unha prosa medida e harmoniosa grazas a unha boa tradución e nova información que nos vai completando o cadro esbozado no anterior tomo.
Pois iso, se vos apetece, tedes boa literatura, negra, de acción, con certas reflexións atinadas e curiosas e unhas cantas tardes ben empregadas.
Ah! E sobre todo feliz, moi feliz 2009, a pesar de todos os pesares.

13.12.08

De próteses

Ando afacéndome aos novos audífonos retroauriculares, eses que van por detrás das orellas e dan un cante tremendo. Os outros, os intraauriculares, non chegaban para cubrir a perda auditiva que teño, así que non houbo máis remedio que adaptarse á realidade unha vez máis.
O certo é que esperaba máis destes trebellos, aínda que ben é certo que cómpre ir devagar e programalos cada quince días ou así para que os oídos non reciban demasiado ruído de súpeto, pero eu -recoñézoo- tiro a impaciente e desexaría ter unha audición case perfecta cos novos aparellos. Negueime a mercar Siemens porque fabrican armas, ademais de moitas outras cousas, así que me decantei por uns Microson, que é a marca estrela de Gaes. B, contrario a todo o que sexan armas, incluso me dixo que podía renunciar aos meus principios se a técnica era mellor. Polo momento estou en período de adaptación -aínda que xa paguei-, pero non teño en mente pasar ás armas por moi boa técnica que teñan. Así que así ando, percibindo os ruídos dun xeito estraño e a voz humana non tan clara como eu desexaría. Supoño que hai que darlle tempo ao tempo e non impacientarse. Co bonito que é oír!

3.12.08

A última de Mankell


Segundo Mankell, polo momento non haberá máis inspector Wallander e confeso que non me importa ante esta novela que lin con pracer, aínda que non comparto ao cento por cento algúns comentarios de que é o mellor del. Xa se sabe que ante unha nova obra dun autor consagrado, certos críticos (interesados ou non) non poden evitar coidala a mellor. É diferente, claro, porque a protagonista é outra, unha xuíza de mediana idade que ve languidecer a súa vida en parella e ten ocasión de lembrar o que foi a súa mocidade de activista política de esquerda radical.
Aquí, coma noutras novelas de Henning Mankell, atopei situacións que só polos pelos resultan verosímiles, aínda que ben é certo que non frecuento xente tan poderosa que poida localizar a alguén, a calquera, nunha pequena vila dun país estraño. Asusta tanto poder, a verdade, pero o chino que dá título á novela é moi, moi poderoso e vingativo até extremos case rocambolescos, quizais só para min, que non entendo un rancor que se retrotrae a máis dun século.
Tampouco falta África na obra, ese gran amor de Mankell onde pasa seis meses ao ano traballando en teatro.
Percórrense tres continentes, mellor dito, catro; hai movemento, acción, reflexión e boa prosa da man dunha boa tradutora.