20.2.11

Aniversario

Si, sete anos vai facer este blog dentro de tres días. Sete anos e non é dos máis vellos que segue en activo, aínda que a frecuencia que manteño deixe bastante que desexar; pero é que, amigos, as cousas son un pouco complicadas para escribir máis. Cóntovos unhas cantas non tanto para xustificarme canto para explicarme.

Gústame (e sei que a algúns dos meus escasos lectores tamén lles gusta) describir certos personaxes que pululan por aquí; de feito estou rabiando por compartir convosco algúns, pero esta é unha vila pequena onde son máis coñecida do que me interesa e bastante xente sabe da existencia de Gradicela. Xa me ocorreu unha vez comentar un detalle sen maior importancia dunha persoa e ferir a súa susceptibilidade, de xeito que non volveu a poñerse en contacto comigo. Iso obrígame a andar con pés de la co que digo, porque de verdade me molesta ferir a ninguén.

A miña vida é moi sinxela e non teño grandes relacións; pregúntome a min mesma a quen lle pode interesar o que fago ou o que penso. As miñas actividades en xeral redúcense a levar e traer a B do instituto, facer o xantar, contemplar como xogan as cadelas (canto río!), acaricialas (case nin sequera podo xogar con elas, pois sempre acabo lesionada), ler, observar a xente, acudir relixiosamente a fisioterapia, ir ás reunións do club de lectura (prometo espraiarme no futuro) e durmir a sesta. Hai algo comentable en todo iso? Supoño que si, pero...

Desde que Dona e Melas están aquí teño que ocuparme delas, pasarlles a carda, darlles de comer e atendelas cando veñen mimarrear. Gústame sentir nos dedos o contacto co seu pelo, quitarlles as lagañas dos ollos, proporcionarlles pracer dándolles os aloumiños que lles gustan..., en fin, contribuír no que podo á súa felicidade e iso leva tempo.

Este ano está resultando fatal para a miña fibromialxia; o pasado tiven epicondilites nos dous brazos, o que me dificultaba o uso do ordenador. Agora tocoulle aos cadrís e aos ombreiros e pescozo, o que tampouco axuda moito para teclear. En fin, pequenas miserias.

Non teño pensado pechar o blog polo de agora; procurarei escribir con máis frecuencia, pero o tempo pásame tan veloz que, cando me decato, xa transcorreron semanas desde a anterior entrada.

Graciñas por estar aí.

7.2.11

Gozando


Hai vinte e tantos anos que Patricia Cornwell iniciou a serie da forense Kay Scarpetta, un personaxe que vin evolucionar ao longo das novelas; tamén vin medrar a súa sobriña Lucy, convertida hoxe nunha muller valiosa e problemática, sobre todo para ela mesma. O que me gusta das series cando son boas é precisamente iso: a posibilidade de ir coñecendo pouco e pouco os protagonistas e secundarios, descubrir en cada entrega un detalle novo das súas personalidades e os cambios que se producen nelas por mor das vicisitudes das súas vidas. En El factor Scarpetta a autora móvese coma peixe na auga por unha trama complexa chea de personaxes que achegan novidades interesantes. Hai diálogos que son unha gozada, matices que estimulan a imaxinación e, en fin, toda a obra leva a pensar que unha non perdeu o tempo lendo, o que non é pouco.