
Hai tempo que a coñezo en persoa porque un bo día venceu a súa presunta timidez e abordoume na terraza dun
bar. Fómonos descubrindo devagar, a base de conversas, intercambios de opinións, quedadas e cooperación. Devagar, como cómpre.
Temos compartido os catro -ou os cinco- xantares, tés e ceas con fluidez e agrado, sempre con risos ou francas gargalladas, porque se algo caracteriza a esta
muller é o sentido do humor e a fortaleza (aínda que ela non o crea). Na cea de
onte non faltaron a alegría, as ocorrencias, os comentarios e -por que non?- algunhas rexoubas. Tanto B coma min pasámolo de medo con ela e o seu home ("eu escollín o mellor", dixo todo cheo nun momento da noite que conseguiu entenrecerme), a pesar da súa
dor e de non saber como poñer o brazo para estar cómoda.
Ao chegarmos á casa B e mais eu aínda tardamos en apagar a luz, pois tiñamos gana de comentar, de volver rir e de gozar coa lembranza da noite compartida. Unha noite estupenda.
Etiquetas: eventos, ribeira, vida