29.8.12

Trasnoitando na Selva

Quedei con X e R sobre as nove no Plaza (o sitio está moi a man e os donos son amigos) mentres agardabamos a que B acabase de ocuparse das cadelas (paseo e penso) e se nos unise hora e media despois para cearmos os catro nun restaurante que abriu hai pouco case ao ladiño.
Comentamos a súa recente visita ao oculista, un estupendo profesional ao que nós levamos acudindo máis de cinco anos, pois é moi meticuloso e exhaustivo nos seus exames. Non faltaron os risos -coma adoito con eles- ante as ocorrencias do doutor, as súas recomendacións e as saídas que nos suxiren; o resultado da consulta foi que R debe poñer lentes (o curioso é que eu, non sei por que, estaba convencida de que xa as usaba) e os dous terán que volver ao cabo dun ano.
Aínda enredamos un chisco con B e a súa cervexa e logo encamiñámonos ao restaurante, situado de xeito inmellorable nunha casa reformada ad hoc. Comezamos a rosmar en canto pedimos, xa que non había varios dos pratos ofrecidos, ben porque non era a tempada de grelos, ben por calquera outro motivo. Todos coincidimos en que deberían retirar da carta o que non tivesen, porque non é serio manter unha tan estensa cando non se está disposto a servir calquera cousa que figure nela. Comemos, iso si, aínda que non fose xusto o que nos apetecía nin gozase da calidade esperada; charlamos tamén, con certa incomodidade, pois a decoración, sen graza ou case inexistente, non incluía cortinas nas fiestras (seica a tea absorbe gran parte do ruído) e o son reverberaba entre as paredes, rebotaba no alto teito e aterraba nos meus audífonos facéndome tremer os oídos. Supoño que a présa por abrir o local no verán levou os encargados a descoidar as súas condicións, que non eran, nin moito menos, as mellores. Este sitio, borrado, medio bramaba B cando saïamos pola porta; si, si, asentimos os demais.
Non podería asegurar os temas que xurdiron dende entón ata as cinco da mañá, pero si que o tempo voou, que me sentín moi a gusto e que xa estou desexando que as circunstancias sexan propicias para repetir (noutro restaurante, madía leva!).

25.8.12

Actividades estivais

Faltan uns días para a próxima xuntanza do club de lectura e, cousa rara en min, aínda non rematei o libro a pesar de que me está gustando bastante.
En realidade, non sei en que invisto o tempo durante estas vacacións, ademais de en procurar descansar e non aumentar os malestares que me produce a fibromialxia, que este ano me está dando unha lata considerable. Non leo tanto coma no inverno, tampouco saio demasiado, agás para ir á vila facer a compra ou ó monte e á praia pasear con B e as cadelas.
Ás veces atopo xente coa que cambio impresións ou tan só charlo; así, infórmome de que á peixeira lle roubaron unha caixa de xoubas na porta da peixería, máis outra de peixe sen especificar na propia lonxa. Os de Petrus están abondo contentos coa marcha da empresa (algo que me aleda moitísimo) e moi entretidos controlando a Yako, o yorki adoptado, que sente a necesidade imperiosa de investigar o contorno sen avisar, pois o seu estado empúrrao a buscar outros cans para desafogar, co conseguinte perigo, xa que todos, sen excepción, son meirandes ca el. Non faltan, madía leva, as visitas á fisioterapeuta, a marabillosa María, cuxas mans tanto me alivian e cuxa conversa amiga tanto ben me fai. De cando en vez paso polo Plaza para botar un parrafeo con Juan e Tucho ou calquera seareiro de confianza, mais a maioría das miñas horas transcorren na casa e na horta, onde me deteño diante do pexegueiro a observar como vai a froita que sobreviviu (espero que se salven bastantes exemplares) e abráiome cos cinco marmelos do marmeleiro, tan gordos e pesados que inclinan o fino tronco da arboriña nunha postura indescritible. Continúo buscando sen éxito o aguacate que xuraría ter visto entre as enormes follas e contemplo abraiada as miúdas floriñas azuis dunha herba silvestre que B adora.
E así decorren os días, amodiño, tranquilos, relaxantes e únicos.

15.8.12

Praceres nocturnos

Hai un par de anos que volvín escoitar música de xeito habitual, sempre na casa, de noite e desde o iPhone de B, que ten un volume limitado. Os últimos audífonos -moito mellores cós anteriores- permiten facelo sen notar molestias nos oídos e o silencio ambiental axuda en gran medida a que non haxa ecos desagradables nin acoplamentos indesexados.
Desde que recibimos A onda sonora (chega do interior) d'O sonoro Maxín (agasallo de Ico, o cantante e autor de moitas das pezas) cada noite se converte nunha festa tranquila e privada. Marabíllome ante o ritmo e a mestizaxe, a marcha e os matices que foi adquirindo co tempo esa fermosa voz e emociónome con algunhas cancións tan cheas de amor e lirismo que mesmo me sorprende decatarme de que a varios compoñentes do grupo os coñezo desde hai vinte anos, cando aínda eran uns mociños lampos.
E aí están. Longa vida!

11.8.12

Tomando un respiro

Ben é certo que os cans non súan, que se refrescan a través da lingua, e velaquí están nai e filla facendo un alto no seu xogo preferido, ese que á vista dos estraños pode semellar unha pelexa brutal, pero para os que aprendemos a afacernos non pasa dun entretemento cotián que nunca chega a maiores.
Sacoden pernas, apreixan orellas cos dentes, gruñen, rosman, tómbanse panza arriba, corren, perséguense... Un verdadeiro espectáculo para os miróns, divertido e cheo de enerxía. Iso si, cómpre manterse a unha prudente distancia, non vaia ser o demo que, nunha destas, unha dentada perdida pille un anaco de carne ou un empurrón inocente acabe con unha no chan. Á fin e ao cabo son máis de trinta quilos en movemento e a forza, considerable, non está controlada.
Ninguén diría que son as mesmas que se che achegan coa cabeza baixa e cariña de inocente a pedir aloumiños e caricias, que estiran a pata para que llela collas e lámbenche calquera parte do corpo non se sabe por que escuras razóns.
Si. Son Dona e Melas.

9.8.12

Visita familiar

Se algo agradezo do paso do tempo é que vaia convertendo determinados membros da familia en colegas, feito que hai vinte ou máis anos semellaba imposible. Os nenos xa non son nenos, a avoa segue encamada pero intenta esforzarse por comunicarse, malia que lle custa, os adultos fomos limando asperezas e chegamos a un punto en que nos gusta estar xuntos porque nos entendemos bastante ben e, sobre todo, aceptamos o que somos hoxe e imos comprendendo o que fomos no pasado. Todos temos algo que achegar: bromas, problemas, ledicias e tristuras; experiencia en suma. É bonito. Moito.