
A pesar de que me acostumei ao mundo
sonoro pouco e pouco, non coñezo moitos dos seus matices nin identifico determinados ruídos e menos aínda a súa procedencia. Grazas aos
aparellos (os últimos case se me antollan máxicos) manéxome bastante ben na vida cotiá, sei se se achega un coche para afastarme e percibo cando alguén me chama a certa distancia. Porén, con relativa frecuencia, ignoro se os sons que oio son reais ou irregularidades dos
acúfenos -non sempre se limitan a asubiar, pois poden descontrolarse por distintos factores- e, aínda que xa me afixen abondo ao longo dos trece anos que levan comigo, ás veces esa situación provoca inseguridade.
Os aparellos non posúen a versatilidade do oído nin a súa capacidade de adaptación, por iso os ambientes ruidosos constitúen un auténtico suplicio, as sirenas das ambulancias, os berros agudos dos meniños, a música dun concerto en directo, mesmo o tráfico e as buguinas chegan a resultar case insoportables, xa que fan vibrar fisicamente os audífonos e os oídos. Molestias menores, se cadra, mais suficientes para limitarme en certas actividades, é dicir, para impedirme realizalas.
Porén, oír é unha auténtica marabilla; os rechouchíos dos paxaros, o zoar das pólas, a voz humana, a música non moi alta, a unión entre un movemento e o correspondente son, a profundidade que lle dá a audición ao mundo..., todo iso é impagable.
E si, confeso que me amolan os chistes sobre
xordos. Tamén me amola que non me chamen xorda e si discapacitada auditiva. Por favor!
Etiquetas: doenzas, vida