20.2.13

Nove


Parece incrible, non? Gradicela cumpre nove anos dentro de tres días, aínda que a idea é máis vella. Claro que sempre fun algo lenta tomando decisións. E o que cambiou o conto durante este tempo! Ao principio, para subir unha foto, cumpría saber moito de HTML e controlar guións, frechas e puntos, porque se deixabas un fóra, a foto non subía. Agora, con só un par de chuzas, xa está! Iso por non falar dos numerosos cambios que o sistema foi introducindo e aos que se houbo que adaptar... Co que a min me gustaban os cambios!
Pero aquí estamos, aínda. Grazas aos que me axudaron a montar este trebello! Moitas grazas!

10.2.13

Máis que abraio

Dubido moito que abondase unha vida para comprender e asumir o que está acontecendo. Ler a prensa convértese nunha especie de pesadelo en que cada curruncho agocha un novo desencanto, cada sombra unha sacudida, e cada luzada unha decepción máis, e non porque unha sentise antes moita ilusión, senón porque o grao de desvergonza ao que se chega reborda de sobra o tolerable. Case ninguén se libra, por desgraza, e como non me considero a única a quen conceptos como honestidade, honorabilidade e honradez lle parecen imprescindibles, por básicos, sospeito que debe de haber moita máis xente que -coma min- padece un ataque agudo de noxo, doenza para a que non existen grandes remedios.

2.2.13

No Ateneo

Moi agradable onte a presentación do Diario da viaxe cósmica á Amazônia de Tonhito de Poi. Da man de Roberto Vilar o público asistente mergullouse no proceso de elaboración do diario dun xeito ameno e agarimoso; logo o autor contou parte das súas experiencias e remitiunos ao libro ou á conversa privada para entrar en detalles que, segundo el, eran difíciles de verbalizar. Cantou, claro, e gocei coma nunca coa súa representación de dúas cancións.
Hai pouco que volvín escoitar música e aínda menos que coñecín a súa voz e o seu xeito tan sentido de cantar; inevitable non conmoverse ante a actuación deste home bo e xeneroso que decidiu compartir cos demais unha experiencia tan forte e intensa.
Houbo un momento en que me sentín algo ridícula presentando, en nome do Ateneo, unha persoa que aquí non necesita presentación ningunha e menos ante os asistentes -moitos parentes e amigos-, pero tamén fun consciente do agasallo que se me fixo. Un verdadeiro pracer.