23.11.14

Procurando

Gústanme os libros de memorias, ese ir debullando lembranzas que, ás veces, levan a unha comprensión maior dun mesmo ou, en todo caso, a unha maior aceptación. Este Informe del interior de Paul Auster supoño que responde en certo modo a ese desexo -ou necesidade-, aínda que a algúns críticos lles semelle unha mostra da perda de imaxinación do autor, ou case.
Os críticos, esa especie de popes que se coidan depositarios dun saber alleo aos demais, capaces con frecuencia de elevar aos altares ou afundir nos infernos unha obra, un escritor, unha persoa...
Mentiría se negase que de cando en vez me guío por unha crítica á hora de ler este ou aquel libro, pero nunca perdo de vista que estou, tan só, diante dunha opinión, e non é a primeira vez (nin será a derradeira) que noto nela malevolencia, mala baba, en suma, que di moi pouco a favor de quen a escribiu.
Aínda que neste caso hai fragmentos que me resultan algo pesados, experimento un proceso curioso: mergullarme nunha vida allea condúceme ás miñas propias lembranzas, a aquela que fun e sigo sendo dalgún xeito, iso si, con máis anos enriba e unha visión da vida abondo diferente.
Gústanme os libros de memorias porque me permiten ver o periplo vital dunha persoa, comprender cales foron as circunstancias que a trouxeron até aquí, indagar un chisco na súa psique e, de paso, entenderme mellor a min mesma.

19.11.14

Proceso (non apto para sensibles e/ou nifrosos)







Supoño que non fan falta comentarios. Resultou un proceso abondo rápido, ou iso din cando menos os entendidos. Agora estamos coa rehabilitación e tampouco vai mal, aínda que hai días que doe máis ca outros.
Dentro do que foi, non podo queixarme.

9.11.14

Achado

Aínda que non rematei A memoria da choiva de Pedro Feijoo -e non se debe cantar vitoria antes de tempo- durante os días que levo coa súa lectura vou de pasmo en pasmo. Pasmo, si, a pesar de que poida semellar unha esaxeración. Ignoro que me deparará o que me queda por ler (menos da metade da novela), pero o camiño percorrido a través das súas páxinas foi enchéndome liña a liña desa ledicia exultante que xorde e vai medrando cando se descobre un autor de calidade, de gran calidade.
Baixo a aparencia de novela negra (con todas as dificultades do xénero), o eixo principal arredor do que xira a trama é unha serie de poemas de Rosalía que van recibindo algúns personaxes para logo apareceren mortos de xeito brutal. Abráiame o tino do novelista á hora de escoller os poemas (confeso que eu non son ningunha autoridade na obra rosaliana, máis ben ao contrario), a relación que establece co personaxe correspondente e a súa morte, o ben levada que está a acción e o traballo de documentación previa que tivo que existir.
O mellor de todo -polo momento- é a nova visión que ofrece da obra dunha autora alcumada a "Santiña", alcume que, ao meu entender, tanto mal lle fixo. A verdade é que estou encantada coa lectura desta obra. Dubido moito que me defraude o que me queda.

2.11.14

Resumo

O verán transcorreu entre visitas recibidas e executadas por diversos motivos, entre eles unha operación materna que saíu ben, e rematou cunha operación propia para meterlle unha placa e dez parafusos ao pulso que rompín o día da patroa de Ribeira, ao enredarme cos cables do ordenador e caer coma un saco de patacas. Hai un mes que me quitaron a escaiola e os puntos e desde entón ando atarefada no proceso de rehabilitar a mobilidade da articulación; ben, eu e a miña fisioterapeuta, cuxo aspecto non fai pensar en ningunha forza maligna da Natureza, pero...
A pesar de que a inmobilización forzosa só durou dezaoito días, abondaron para converter pulso e antebrazo nunha especie de estaca que non parecía miña. Aínda hoxe, tras un mes completo de exercicios e manipulacións, cando esperto polas mañás, teño a sensación de que un anaco de madeira ocupou o lugar do antebrazo. Amais diso, teño/temos que mover a cicatriz en todas as direccións para que o proceso non sufra atrasos indesexados e, en fin... Ninguén dixo que ía ser un camiño de rosas. E niso andamos.