Amosando publicacións coa etiqueta clima. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta clima. Amosar todas as publicacións

12.1.14

Raíces

Un dos últimos temporais deixou bastantes estragos na horta e no monte. O recipiente para facer fertilizante (argheiro, chámanlle aquí), non aturou a forza do vento e desfíxose por completo, ata o punto de quedar inutilizable, pois as pestanas que agarraban as distintas pezas racharon de vez. Algúns xeranios, antes mestos e rufos, apareceron desmaiados, coma se os azos non lles abondasen para recuperarse da noite. As follas do rícino semellan peneiras despois de recibir os golpes asañados da sarabia. Algúns piñeiros do monte da Garita, amais de perder pólas e follas, víronse desarraigados e caídos case sen decatarse. E, en xeral, semella que unha batalla campal tivo lugar entre os camiños pola cantidade de pólas, piñas e follas arrincadas. Porque non todas teñen raíces tan fortes coma a da foto, que asoma nunha corredoira e é un dos motivos que obriga a mirar acotío o chan. Hoxe o ambiente está calmo. Non sei canto durará.

10.4.13

Falar do tempo

Cando era nova, falar do tempo antollábaseme o típico tema comodín que me daba reparo abordar; sentíame ridícula comentando calores, fríos e outras inclemencias evidentes só para encher silencios incómodos. O día que me sorprendín a min mesma iniciando unha conversa co tópico que frío vai, verdade? quedei curada de espantos.
Deste ano non só vou lembrar o longuísimo e mollado inverno que padecemos, senón tamén o moito que deu de si á hora de falar con descoñecidos, as queixas que provocaron a chuvia e o frío, as perdas económicas para mariñeiros e peixeiras, a mingua de ingresos para os hostaleiros e moitos outros negocios e unha longa restra de repercusións que o constante pranto do ceo trae consigo.
Non levo a conta dos anciáns que non puideron resistilo -incluído algún familiar-, pero non me estraña que se apearan deste mundo plúmbeo que escurece a alma.

22.12.12

Tempo de casa

En xeral, non me desgusta a chuvia; é máis, se pasan moitos días sen ela, éntrame algo semellante ao desacougo. Claro que se non para durante semanas, chego a sentirme agoniada, sobre todo se vén acompañada da típica ventada que fai inútil o paraugas.
En xeral, son unha persoa bastante caseira; gústame estar ao abeiro con caloriña agradable rodeada das miñas cousas e seres queridos, dando aloumiños aquí e acolá ou charlando con calma ou lendo un bo libro. Claro que cando o tempo é moi ruín e non queda outra que permanecer na casa durante días, acaban por entrarme unhas ganas tolas de ruar.
Por sorte, comezaron as vacacións e durante máis de dúas semanas B non terá que ir ao traballo e poderemos facer plans en común ou, tan só, compartirnos sen máis interrupcións cás imprescindibles.
Pero, por favor!, onde está ese anticiclón tan desexado?

11.2.09

Por fin



Por fin o cataventos ten uns momentos de respiro e nós, ocasión para sacudir a morriña que se nos instalou dentro sen pedir permiso. Prometeron que mañá, a máis tardar, volverá o sol que se perdeu entre nubes e temporais. O meu lado sensato dime que estamos no inverno e ten que chover; o outro rebélase contra ventos e mareas e atrévese a berrar ben alto que xa está ben, que necesita un pouco de luz entre tanto escuro nubeiro.

O problema de aquí, e máis concretamente do lugar onde vivimos, é que case sempre sopra un vento non necesariamente agradable, sobre todo cando hai alerta laranxa. A pesar de que é moi fermoso, día tras día de ceos grises e chuvias constantes acaban co bo humor do máis optimista.

Quédame o consolo de que na zona só neva cada trinta anos.