1.4.07

Os inventores

Os xogadores apenas se fixaron na parella que entrou no bar á hora da partida; permanecían atentos ás fichas e ao xogo, non porque tivesen unhas ganas tolas de gañar, senón máis ben por cumprir o ritual cotián de ver a quen lle tocaba pagar a rolda dos cafés.
Os acabados de chegar ocuparon unha mesa que quedaba libre ao pé dunha fiestra, apenas sorprendidos de que todo ao seu redor fose bater de fichas e comentarios breves e tallantes. Nun recanto, unha cheminea apagada amosaba ben ás claras que había moitos anos que ninguén acendía un lume nela e a luz eléctrica escurecía aínda máis o xa escuro exterior, de xeito que case non se vía a praia nin o mar. Tiveran que interromper o paseo polos arredores do faro ao erguerse unha airexa fría e mollada que se lles coaba pola roupa adentro, e os dous, aterecidos, devecían por un café quente.
O ambiente do bar era o de tantos outros que percorreran nas súas vacacións, decote fieis a lugares de costa, con ese olor inconfundible no que se mesturan todo tipo de bebidas, anos de breve compañía e soños a piques de morrer ou irremisiblemente mortos.
- Vostedes non son de por aquí, verdade?
O que preguntaba afirmando era un vello falangueiro, famoso por abordar a calquera descoñecido que se presentase na zona. Nunca falaba nin perdoaba a ninguén. Os xogadores, en oíndo a frase de saída, lanzáronse disimuladas miradas de esguello, seguros de qué ía contar.
- Agora ven isto un pouco parado, pero cando se reúnen os inventores é outro cantar; o congreso mundial ten lugar a derradeira semana de outubro. Entón achéganse acó moreas e moreas de curiosos que queren ver as últimas ocorrencias; veñen en caravanas e ocupan as explanadas todas de por aquí. Durante eses días isto ferve de animación e movemento...
A parella escoitaba abraiada aquel vello que debullaba para eles un panorama insólito do que xamais oíran falar. Desde cando había un congreso mundial de inventores en Corrubedo?
- O mellor invento foi o dun veciño que morreu o ano pasado. Eu creo que lle bulían tantas ideas na cabeza que non daba abasto para facelas realidade e estoupáronlle dentro. Dixeron que o levou unha pulmonía, pero estes médicos non saben nada de como funciona un inventor.
O home mirou con certa alarma para a muller, que escoitaba impasible mentres bebía os últimos grolos de café. Un xesto inapreciable dela fíxoo acougar.
- Os ventos, saben vostedes?, daban a volta aquí desconcertados por non poderen seguir adiante; os vendavais que se formaban estancábanse arremuiñados preto do faro e pelexaban entre eles coma feras, ansiosos por atopar un vieiro de saída. Pois este home que eu lles digo conseguiu abrir unha rota de escape para que aliviasen os máis furibundos. Desde aquela podemos seguirlles a pista e ollar como se desprazan cara ao norte con gran alivio pola nosa parte. Antes eran terribles as dores de cabeza que nos provocaban os ventos loitando entre si, semellaban monstros anoxados...
A parella convidouno a un viño ao tempo que pedían senllas copas para eles. O vello agradeceu inclinando a cabeza e proseguiu falando.
- Claro que tamén tivera moita sona outro dos inventos daquel mesmo ano. Un tipo de Maryland, seica, trouxo consigo un dispositivo fantástico que conseguía desfacer os trebóns coma por arte de maxia...; pero esa élles outra historia. Queren oíla?

Ningún comentario :