24.11.10

En feminino



Louannn Brizendine é doutora en Medicina por Yale e licenciada en Neurobioloxía por Berkeley, impartiu clase en Harvard e na Universidade de California en San Francisco, amais de fundar en 1994 a Women's and Teen Girl's Mood and Hormone Clinic, un centro dedicado a asesorar e tratar mulleres con alteracións no humor, a capacidade de concentración e a enerxía, con ansiedade ou con transtornos sexuais e déficit de benestar atribuíbles ás influencias hormonais sobre o cerebro. Até aquí o que di a lapela de El cerebro femenino que eu merquei no Círculo de Lectores e lin estes días con moito interese. Sabía cousas xa relacionadas co tema, pero esta lectura clarificou moitas outras que pertencían a unha nebulosa intuitiva. Non hai cerebro unisex, por fortuna ou por desgraza; por fortuna, porque a diferenza dá color á vida e coido que sería moi aburrido que todos fósemos iguais; por desgraza, porque esas diferenzas reais e constatables produciron e producen malentendidos sen fin que amargan a vida case por igual a homes e mulleres. Aínda que é un libro técnico, resulta de doada lectura e moi ilustrativo para os homes para coñecernos e comprendernos mellor e para as mulleres para entender que as flutuacións ás que a Natureza nos somete non son un castigo divino, senón algo distinto.

17.11.10

As nenas



Dous anos e nove meses a branca e cinco meses a negra. Nai e filla.

Se miro para atrás abráiome de min mesma por convivir con dúas cadelas, coidalas, limpalas, darlles de comer, pasarlles a carda e preocuparme polo seu benestar. As dúas buscan aloumiños case constantes; Melas ponse panza arriba para que lle acaricie a barriga, non sei de onde sacou esa paixón; Dona, pola contra chuza co fociño para que lle acaricie a cabeza. Se fose por elas estaría todo o día sobándoas. Non entenden que che doia o lombo e che custe agacharte, elas ao seu. Cando preparo a comida róldanme coma aves de rapina a ver se lles cae algo, e cáelles, claro; como non lles vai caer con esa cariña que poñen! A nai axuda moito na educación da filla e libéranos a B e a min dalgunhas tarefas; semella incrible, pero así é.

14.11.10

De egos



Gocei moito con Egos revueltos de Juan Cruz porque me gustan os libros de memorias, biografías e autobiografías de persoas que me suscitan interese ou tan só curiosidade; e aínda que os premios non sempren avalan a calidade literaria, neste caso súmase o XXII Premio Comillas 2009, ao meu entender ben merecido.

Aínda que as lembranzas son subxectivas, unha non ten a impresión de que o autor deforme a realidade ao seu antollo, senón que a trata con relativa distancia ou, cando menos, o semella. Hai escritores que me interesaron máis ca outros, pero a todos os tratados nótaselles un lado profundamente humano que os fai en certa medida simpáticos, agás quizais aqueles co ego tan desmesurado que chegaron a provocarme algo parecido a un calafrío de mágoa e irritación. Prefiro non dar nomes para non facerlles unha propaganda, cativa se cadra, mais innecesaria.

7.11.10

Movemento



A estas alturas debería ser de sobra coñecida a miña devoción por Michael Connelly e o seu detective Harry Bosch, ese que ten tendencia a meterse en tantas leas cos seus superiores polo vicio de traballar ao seu aire e pensar que todo o peso do mundo do mal recae sobre os seus ombreiros. Desta vez non ten problema ningún en marchar da noite para a mañá a Hong Kong para salvar a súa filla Maddie dun secuestro que coida relacionado co seu último caso, o asasinato do señor Li, o ancián propietario dunha tenda de licores en Los Ángeles.

Sorprendeume que Maddie teña xa trece anos, cando eu a deixei con seis ou sete, o que me dá a idea de que debín de perder algunha entrega, pero tanto ten. A presenza de Maddie, que vive coa súa nai, Eleanor Wish, antiga axente do FBI e actual xogadora de póquer profesional, non é unha constante nas novelas de Harry Bosch, senón que aparece de cando en vez desque Harry descobre a súa existencia. Porque si, Eleanor abandona a Harry embarazada e non lle di nada ata que el, nunha desas investigacións que tanto se bifurcan, dá con elas cando a súa filla xa ten catro anos.

Hai sorpresa final, desas que che fan tremer as mans para non lle dar unha labazada a ningunha criatura.