24.7.08

Calor e descanso


Parece boíña, toda sucia despois de cavar un dos numerosos buratos que adornan a horta, pero está pasando unha fase crítica, pois bota a boca ás mangas e aos brazos (debo de ser de negrón doado porque teño os antebrazos cheíños deles). A calor excítaa, cánsaa, altéraa e non comprende que pasa coas moscas que se empeñan en pousarse no seu corpo.
Hoxe tiven fisoterapia relaxante e todas as contracturas volveron ao batallar con ela, porque B está doente na cama e non me puido axudar. Por fortuna, levamos dous días de frescor, con chuvia incluída, pero xa ten a súa caseta case rematada; só queda poñer a tea asfáltica no tellado e pintar co verniz o resto da madeira. Ignoro que fai polas noites; sospeito que entra e sae da casa sen que ninguén a controle. Soño moito con ela, supoño que porque enche os meus días de ledicia e preocupacións, como non podía ser menos dado o meu xorne de seu preocupado.
Encántame o lugar onde vivo porque ten todo o que desexaba: espacios abertos, mar, monte e núcleo urbano a un tiro de pedra, incluso veciños acolledores pero respectuosos. Dona ten moito que aprender, e nós con ela.

16.7.08

Vivindo


Comentábame Webmaster esta mañá que apenas escribía e é certo; os días pásanme a velocidade de vertixe e case non me dou conta de que estou noutro novo cando xa chegou un diferente. Visito moi pouco o ordenador, saio ao exterior bastante máis ca antes e fago recados acompañada de Dona e B (teño varias fotos estupendas dos dous, pero non podo poñelas por expresa prohibición do segundo). Facemos excursións polos arredores, paseamos a vila para aprenderlle a circular (con moi lento éxito, todo hai que dicilo), xantamos ou ceamos de cando en vez nalgunha terraza das que abundan nesta época do ano, leo algún libro sen demasiado interese, recibo chamadas do home de Maryland que non nos esquece e incluso nos envía algún agasallo (un fermoso dicionario de palabras dunha soa letra; mágoa que mo teñan que traducir) e, en fin, vemos pasar a vida moi devagar, a ritmo pousón, entre visitas ao xulgado (a ladroa vai pagando en cómodos prazos o que nos roubou), mañás de compra de comestibles, tratos con algúns encargados de obras que precisamos e charlas co veciño que, outra vez, está só.
O verán, malia que para min signifique calor e incomodidade con certa frecuencia, trae días con máis horas de luz e sorpresas coma a doutro día en que entrei en contacto con Meiga en Alaska, aínda que tiña tanta présa que me esquecín por completo de darlle o meu número de móbil, incluso de dicirlle o meu verdadeiro nome. En fin, un desastriño. Espero volver coincidir con ela.

8.7.08

Lectura

A primeira da serie (Un nicho para Marilyn) non me desgustou, a segunda (Luar no inferno) xa non me chistou tanto, a terceira (Tres disparos e dous friames) tampouco me pareceu gran cousa, aínda que a lin enteira. Hai como un desaxuste entre as partes, pois nun momento dado o detective Frank Soutelo pasa a contar o acontecido saltando pasos, lembrando o que aconteceu e deixando o lector coma se o estafasen, pois el sabe todo e queda moi claro a media novela, xa que el move os fíos e é moi consciente diso.
Trátase de entreter e nada máis e eu respecto moito o entretemento puro e simple, pero na novela negra pido algo máis que esta non achega. Quizais puxen demasiadas expectativas na serie, quizais agardaba sorpresas menos previsibles ou quizais me abraian certas solucións máis traballadas para leas nas que se mete o protagonista. Porque parece, si, que Frank é unha especie de mago que saca coellos da chisteira cando un menos o espera e a realidade convértese nunha especie de xogo con que calquera pode xogar facendo trampa. E iso que me aleda que o prota saia ben librado, pero cun pouco máis de seriedade, por favor.

1.7.08

Oasis

Foi unha auténtica mágoa non poder ver a Descalza o domingo, pero estabamos convidados a xantar nun dos recantos máis lindos do planeta. As cañas en Corrubedo estiveron ben, aínda que nada que ver co lugar ao que os nosos hóspedes nos levaron. Tras un paseo en coche polo que semellaba un páramo, chegamos á propiedade destes amigos, un verdadeiro oasis no medio dun deserto no que apenas medra nada, pois está moi batido polo mar aberto. Eu, que teño tendencia a perder a concentración ao cabo de pouco tempo de estar con xente, mantívenme alerta durante case toda a tarde mentres degustaba os manxares elaborados pola anfitrioa, espléndida cociñeira e experta xardineira. Baixo un dosel de plantas xantamos mentres o sol devalaba amodiño e a conversa esvaraba plácida e gorentosa; as cadelas pedían comida e facían furados ao tempo que os humanos aprendían a arte de vivir. Comín en exceso, como non podía ser menos, pero volvín á casa a tempo de ver o partido no que España marcou o gol da vitoria. Unha marabilla que me gustaría repetir.