23.2.16

paradela de coles: Hasta siempre,

paradela de coles: Hasta siempre,





Por si no lo sabíais, María Jesús murió. Vivió como ella quería y murió de la misma forma, supongo. Era muy suya, ya lo sabéis. Ojalá descanse en paz.

4.2.16

Nunca fun gradicela

Descubrín os blogs hai doce anos grazas a un amigo que me foi convencendo para que abrise un. Daquela un blog en galego celebrábase coma unha festa do blogomillo e pensabamos -coitados de nós- que estabamos facendo historia dun xeito ou doutro.
O caso é que lle puxen Gradicela ao meu porque había pouco lera sobre eses animais que, amais de ter forma de estrela, posuían calidades tales como rexenerar o corpo a partir dunha soa pata e, asemade, rexenerar a pata perdida no corpo eivado. E o que máis me chamara a atención fora que, segundo as necesidades do hábitat, podían cambiar de sexo para equilibrar a carencia do doutro.
Unha auténtica marabilla, vaia, ou iso coidara eu naquel momento.
Non había nin un ano que me xubilaran, deixaramos Ourense no verán e instalámonos en Monte Lourido, ao lado de Praia América, nunha casa que asomaba ao mar e desde a que se vían as illas Estelas, Baiona e Panxón. Tres anos que serviron para recuperarme un chisco bastante grande. Quizais ocorría que me coidaba unha gradicela de verdade e sentíame animada por un afán de superación que moita xente non comprendía.
Non tiña unha idea nada clara de que ía contar, o que me apetecese -supoño- e a iso me ativen. Aquí hai desde pequenas peciñas literarias, anécdotas máis ou menos graciosas ou acedas, pouca política e bastante tempo investido procurando escribir o que mellor sabía sobre o que me interesase no momento.
Hai amizades, relacións preciosas, desgustos (a morte de Ike aínda me levanta bágoas), malentendidos... En fin. De todo, como en botica.
Levo oíndo desde hai anos que os blogs morreron, cousa que me fai moitísima graza. Non morreron, foron cambiando, especializándose, mudando as súas intencións e temáticas. Un blog coma o meu debe de ser un espécime único ou case.
Pero se algo descubrín ao longo deste tempo é que nunca fun unha gradicela, por moito que na miña inxenuidade me gustase soñar. Mesmo o meu ánimo xa non é o que era.
Se algunha vez sinto morriña deste remanso, volverei facer unha entrada. Polo momento, son incapaz de vencer o... desánimo? Sospeito que esa é a palabra. É un pouco duro decatarte de que non, non tes forma de estrela, se perdes un brazo quedas sen el e, madía leva, non podes cambiar de sexo aínda que o hábitat o esixise.
Grazas a todos os que me acompañastes. Quérovos.

Uxía Casal Silva.