27.10.09

Mulleres



A estas alturas Maitena non necesita presentación, supoño, claro. Acabo de reler este libro e aínda que non me identifico ao cento por cento con estas mulleres, hai cousas nas que si coincidimos plenamente. Resultan un pouco estarrecedoras a penetración psicolóxica da autora, a agudeza en plasmar unha idea e a capacidade de facerte reflexionar, acompañado todo iso dun semisorriso que ás veces se che queda conxelado, porque á fin de contas acabas de descubrirte pensando coma unha desas alteradas.

Gústanme estas mulleres de catro dedos, realistas e ilusas, desenganadas e esperanzadas que nunca acaban de aprender. Algunhas provócanme tenrura, a outras dáballes de labazadas por complicar a vida inutilmente, con moitas, en fin, non me identifico en absoluto.

Tamén os homes quedan reflectidos, quizais con moitos tópicos nos que eu me nego a crer, pero que a vida me está demostrando que teñen máis razón da que eu querería. Porque sempre me desgustou que o mundo se dividise en homes e mulleres e non en boas ou malas persoas. Que se lle vai facer; tamén eu teño algo de ilusa.

17.10.09

Outono

Está aquí o home de Maryland; chegou, coma sempre, cargado de agasallos e sorrisos e semella que trouxo consigo o bo tempo, tan bo que nos fai esquecer que temos enriba o traidor outono, a estación que máis me gusta. Claro que o comezo dunha catarreira encárgase con éxito de lembramo.
Onte coincidimos con Maru, a da fermosa voz, na terraza do Plaza e o home de Maryland evocou o concerto onde a coñecera. Entre unhas cousas e outras soubemos que B nunca escoitara Alfonsina y el mar, esa canción que tantas sensacións provocou na adolescencia; entón produciuse unha situación única ao sol do mediodía entre viños, cañas e empanada: Maru cantouna e conseguiu prendernos unha vez máis da súa voz (xa dixen que é moi fermosa?).
Un agradable e algo fresco xantar na terraza dun novo bar que ofrece pequenos pratos unipersoais transcorreu con estupenda conversa e bastantes risos, deses que saen de dentro, logo os cafés e as copas e, mentres eu descansaba na casa, eles foron ao monte coa cadela. Pero non acabou aí a xeira: chegaron de volta e fomos de novo ao Plaza a felicitar a Webmaster, que estaba de aniversario. E creo que nese momento foi cando a catarreira decidiu que eu era unha hóspede magnífica para pasar unha semana comodamente instalada.

4.10.09

Enredos e libros

Non sei en realidade en que meto o tempo para levar tantos días sen pasar polo blog; non só polo blog senón polo ordenador, de xeito que tiña as contas de correo ateigadas de mensaxes sen ler. Sospeito que o bo tempo tivo algo de culpa, así como o comezo de curso que esixe adaptarse a unha nova rutina despois da longa paréntese das vacacións.
Lin bastante, iso si, empezando por El nombre del viento de Patrick Rothfuss, que me deixou un leve sabor amargo porque será unha triloxía que aínda non está rematada, así que quedei co mel nos beizos e con ganas de saber máis. Chegoume por fin á librería El silencio de los claustros de Alicia Giménez Bartlett que me lancei a ler coma unha tola. Nada que ver Petra Delicado con Ana Belén nin Fermín Garzón con Santiago Segura. Esta novela é unha máis da serie, pero resulta diferente porque as vidas dos protagonistas van cambiando e enriquecéndose. O final, por curioso que pareza, sorprendeume.
Hai uns días rematei Los relatos del padre Brown de G. K. Chesterton que, se por un lado me fixeron retroceder á primeira adolescencia, por outro trouxéronme novidades, pois faltábanme varios libros que agora, por fin, teño nos meus andeis. Que xeito tan diferente de escribir tiñan os escritores antes e que delicia mergullarse nunhas descricións tan minuciosas que te conducen directamente ao campo inglés.
E seguindo o ronsel destes contos, agora ando con E.A. Poe e os seus Todos los cuentos traducidos por Julio Cortázar. Tampouco os tiña todos, así que me esperan moitos días de pracer e sorpresa.
Espero reformarme e actualizar con máis frecuencia, iso se consigo saber en que meto o tempo.