29.3.13

Indolencia


Cando os elementos se confabulan, non hai mellor cousa que botar unha soneca no tobo preferido, tranquilas por completo e en total abandono. Peke e B están aquí, á beira, así que todo en orde.
Sería moito máis divertido andar pola horta facendo covas, osmando e perseguindo lagartos, ou ir de paseo polo monte para descubrir coellos ou á praia para xogar co mar, pero os devanditos elementos non o facilitan. Na casa tamén se está ben, aínda que, quizais, se a gran ventá permanecese aberta, para entrar e saír a vontade, a situación sería perfecta, pero xa se sabe que aos humanos non lles gusta que entren o frío e a humidade e cómpre conformarse co que hai. Total, cada vez que unha delas quere saír, abonda con pedilo e a solícita e paciente Peke acode rauda a franquear o paso. Se o aburrimento cansa, aí está B para xogar a tirar e pelexar, e Peke para aloumiñar e procurar caricias -sempre benvidas-; incluso pode caer algunha chuche de consolo se se fan ben as cousas.
Que se son felices? Eu diría que si.

23.3.13

Perdedores

A lectura de Todo OK deixa un resaibo abondo acedo -de seguro buscado polo autor-, e máis se temos en conta que quizais os perdedores da novela merecerían unha segunda oportunidade. Merécena? Non serei eu quen se pronuncie ao respecto, pois, se non ao cento por cento, creo que case sempre se merece.
Se cadra, por estar contada en presente, cunha linguaxe sobria e precisa, resulta algo fría, coma se estivésemos lendo unha exposición de feitos carente de paixón; pero iso é na aparencia, porque a medida que avanza o relato moreas de suxestións xorden por todas as partes e imos comprobando que eses personaxes doentes teñen sentimentos, ás veces moi intensos, e por iso mesmo rozan a nosa alma e fan que nos preguntemos por que actúan de xeito tan irresponsable. Irresponsable segundo se mire, madía leva, porque unha non domina as normas que rexen en determinados ambientes.
Sigo a obra de Diego Ameixeiras de xeito esporádico e aínda teño sen ler algún libro seu na casa; estou certa de que o lerei, pero antes deberá pasar un tempiño para dixerir este por completo.

8.3.13

A boa de Petra

Ás veces penso que a calidade dun libro se mide, entre outras cousas, pola súa capacidade de evocación, por traer á mente do lector asociacións provocadas polo que está lendo. Tamén son moi consciente de que cada lector é un mundo e percibe o lido segundo as súas circunstancias e o momento que vive. En calquera caso, Nadie quiere saber de Alicia Giménez Bartlett é unha novela (a novena da serie protagonizada por Petra Delicado e Fermín Garzón) cunha especial capacidade para levarte por reviravoltas inesperadas, para facerte reflexionar sobre aspectos importantes, malia que cotiáns, da vida, sen que por iso semelle un catálogo de situacións.
A trama leva a inspectora e o subinspector de Barcelona a Roma, nun caso vello reaberto polo xuíz a instancias da viúva que parece, máis ben, un caramelo pezoñento, pero que a teimosía de Petra conduce á súa completa resolución.
Giménez Bartlett foi construíndo ao longo dos anos dous personaxes sólidos e verosímiles, que senten, padecen, gozan e traballan xuntos coma bos camaradas e, aínda que Petra pretenda manter separadas as súas facetas persoal e profesional, comparten moito máis cá comisaría de policía. Con dicir que Fermín e Marcos (o terceiro home de Petra) se entenden de marabilla...