29.12.13

Rochas

O monte da Garita queda moi preto da casa e a el imos acotío a pasear coas cadelas; elas dedícanse ás súas ocupacións favoritas, que consisten en osmar todo a fondo, buscar coellos e non pillalos nunca (do cal me alegro), choutar e correr con liberdade, roer piñas e paus e saudar a quen nos cruzamos. B goza coma un cosaco ollando as novidades que se produciron desde o día anterior e eu, basicamente, procuro non despegar moito os ollos do chan para non tropezar coas raíces e pedras; detéñome de cando en vez para mirar a contorna e descubrir cousas que non deixan de sorprenderme, coma ese piñeiro que medra no medio e medio das rochas. Porque a Garita está salferida de penedos enormes e un dos máis grandes é o miradoiro, que mesmo ten uns chanzos primitivos para agatuñar ao cume e contemplar as amplas vistas. Eu nunca subín pola sinxela razón de que logo hai que baixar e dubido moito da miña habilidade para facelo sen dano. A B, porén, encántalle imitar a Tarzán e emitir berros inconexos que o deixan coma novo.
Resulta rechamante este monte penedoso, dividido en leiras de distintos donos, cruzadas por unha morea de camiños, ao que acode xente de todo tipo: ionquis, amantes do botellón, amantes a secas, paseantes, deportistas, buscadores de setas e recolectores de piñas. O que non acabo de comprender é por que, se existen varios puntos limpos e recollida de trastes a domicilio, hai persoas que se molestan en levar alí colchóns, sofás, lavabos, bañeiras, persianas e restos varios. Sospeito que é un costume moi galego difícil de erradicar.

20.12.13

Selos

En USA é posible encargar selos co motivo que queiras e empregalos para franquear cartas e paquetes. O home de Maryland -amigo meu desde hai anos- mandou facer estes cunha foto de Dona e Melas (que figura no meu perfil de FB). Cando me chegou a súa postal de Nadal case non podía crer o que vía no sobre e sentinme moi alegre. Falei con el, agradecinllo, pero faltaba por chegar a plancha enteira con selos que aquí non son de curso legal. Gardareinos e, se podo, coareinos coma quen non quere a cousa nas escasas cartas que envío. Abofé que están guapas as nenas! Merecen divulgarse por todos os lugares do mundo. Espero que Correos non se mosquee.

12.12.13

Reaccións

É a primeira vez en sete anos que o concello pon un adorno de luciñas de Nadal na nosa zona. Como Melas non ten moito percorrido nin demasiado horizonte (a pesar dos seus tres anos e medio), os primeiros días que viu tal trebello lanzouse a ladrar coma unha tola montando tal escándalo que daban ganas de poñerlle unha buceira. Que dano poden facerlle esas luciñas? Misterio. Supoño que o descoñecido, o nunca visto, a novidade, pero é matemático: ver o trebello aceso e ladrar coma unha posesa é todo un. De nada vale que intentes calmala ou engarguelala con algunha chuche; de súpeto ponse a rosmar e ten que saír a desafogar a gusto durante todo o tempo que lle pida o corpo. A nai mírame como dicindo: "Déixaa; non ves que non entende nada?". E así andamos, entre ladridos, rosmidos, procura de aloumiños e inseguridades varias. Desde logo que, seguros, estamos seguros.

6.12.13

Grazas, grazas, grazas, MH

Cando vin que Gradicela desaparecera do panel de control (e, por tanto, non podía entrar no blog para fochicar nel, nin escribir nin editar nin publicar), pensei que sería unha cousa pasaxeira que axiña se arranxaría de seu. Pasaron os días e saltáronme todas as alarmas: aquilo non tiña boa traza. Resistinme a pedirlle axuda a MH, non por falta de confianza, senón porque sempre lle dou a vara con este tipo de problemas e xa me parecía abusar. MH foi quen contribuíu a armar este trebello, vestiuno ben e lindo e ao longo de case dez anos respondeu as miñas dúbidas con paciencia intentando aprenderme o que el aprendera; claro que este animal -Peke- é moi túzaro para asimilar determinadas cousas e case sempre volvía a este bo amigo para resolver os atrancos.
Estaba xa disposta a abrir outro blog, laiándome coma unha cadela por non poder celebrar o décimo aniversario de Gradicela; bobadas, se cadra, pero... son case dez anos!, téñolle cariño!, hai moito de min nas mil e pico entradas que publiquei! Que non lle importa a ninguén? A min si me importa e moito máis que moito. Son unha sentimental, que lle vou facer?
El non querería que puxese un enlace que o identificase: é así. E non o vou poñer para non amolalo; só direi que é un home brillante, moi brillante. Para el o meu máis grande agradecemento. Graciñas, meu! Bicos a tutiplén.