27.2.07

Lecturas varias

Coñecín a Emilio Carrere -de quen estou lendo La torre de los siete jorobados- hai pouco tempo por unha revista que lle dedica un artigo. Atraeume que o cualificase de autor de novela fantástica, misterio e aventuras ao estilo dos folletíns e proeume a curiosidade. Teño que confesar que me cansa un chisco, aínda que me gusta o politicamente incorrectos que soan hoxe en día os epítetos dirixidos aos chepudos, por suposto os malos da historia. Algunhas das aventuras son inverosímiles de máis e os protagonistas zafan dos enredos dun xeito máis que rocambolesco, pero serve para facerse unha idea do que vendía como churros na primeira metade do século pasado.
Tamén ando coa reletura do Quijote por sexta ou sétima vez para unha charla sobre el no ateneo. En tempos interesoume moito Cervantes e, sobre todo, esta obra da que moitos falan e non tantos leron, pois xa se sabe que quen máis quen menos coñece aventuras do fidalgo manchego aínda que só sexa polas series de televisión. Como os meus intereses cambiaron bastante ao longo dos anos, non estou gozando tanto coma nas anteriores ocasións, quizais porque aínda non cheguei á segunda parte, a que máis miolo ten desde o punto de vista literario.
Peter Pan de rojo escarlata, de Geraldine McCaughrean, estame decepcionando e, mediada a novela, cáeseme das mans. Semella unha simple acumulación de episodios sen fin nin meta que non consegue seducir. Será cuestión de arrombala até que atope un mellor momento.
Teño bastantes libros apetitosos agardando, pero os días só teñen vinte e catro horas e eu, só dous ollos.

20.2.07

Papá

Xa o dixo Cesare: papá morreu. Seica o fixo tranquilo e sen sufrir, probablemente sen decatarse, aínda que iso só o pode saber el. Levaba maliño desde novembro, movíase con moita dificultade, pero nunca comentei nada aquí porque se me meteu na cabeza que a enfermidade e a morte son tabús nos blogs, non sei por que.
Era un home algo despistado, coma min, arroutado e bastante rabudo, coma min, boa persoa, quero crer que coma min, e con mala memoria, coma min. Non hai moitos anos que recuperei a sensación de formar parte del e tiven tempo de comunicarllo, algo que me aleda e consola máis do que pensei. Tamén me consola e aleda dun xeito algo parvelo que puidese ver que o meu último libro publicado está dedicado a el, aínda que xa non fose capaz de lelo.
Ao carón da súa butaca tiña un caderno de pastas duras a cadriños azuis que era un intento de diario. As palabras trementes, nunha das entradas, dicían que procuraba recuperar a letra, frase que me entristeceu, pois estaba preocupado nos últimos tempos porque a man non lle respondía aos seus desexos; tamén se lle resistían os números e dende a chegada do euro resultáballe difícil saber canto custaba cada cousa.
Pertencía á xeración do chupete, esa que foi á guerra o derradeiro ano da contenda, e odiaba os militares de xeito feroz porque o obrigaron a estar na mili cinco anos, anos que coidaba roubados. Nunca llelo perdoou. Tamén aborrecía os curas e sospeito que non aprobaría que un deles o despedise, aínda que fose tan prudente e breve coma este e estivese acompañado por un diácono negro coma a noite. Quizais lle fixese graza o acento tan lindo do mozo tanzano.
Morreu, si; e, malia que o vin alí na caixa tan guapo e sereno, cústame aceptar esa realidade. Supoño que é cuestión de tempo. Pero confórtame saber que por fin descansa en paz, que por fin papá descansa.

12.2.07

Tempo

Cando daba clase explicaba que o tempo cronolóxico e o meteorolóxico se expresan en galego con distintos verbos; así, dicimos que VAI calor ou frío, pero HAI quince anos que pasou algo. Así, hoxe vai un día cálido, pero hai catro días que espero a chegada dun paquete, DO paquete coa ADSL.
Si, por fin teño teléfono fixo, a pesar do técnico máis que grazas a el. Non sei se os malos modos son xerais neste tipo de empregados ou só eran particulares deste en concreto. As dúas horas que tardou en meter os cables polos condutos (que, por certo, non daba atopado) pasounas o home fungando, rosmando, protestando e ameazando con que marchaba. Recoñezo que me armei de paciencia porque me conviña e, aínda que tiven tentacións de mandalo a paseo, repriminas como mellor souben.
Non acabo de entender por que teñen tan mal carácter certos elementos, quizais pola maneira de cobrar (por servizo feito), quizais porque teñen que traballar á intemperie vaia frío ou calor, chova ou luza o sol. De todos os xeitos creo que non custa nada ser amable; ademais, vai ben para a cute.

5.2.07

Exilio

Kaplan pídeme que poña tres motivos polos que me exiliaría. A estas alturas da vida dubido moito de que me exiliase de Galicia por nada (agás, se cadra, por amor), pero non está de máis reflexionar sobre tres cousas que me atacan os nervios desta España nosa.
1ª.- O partidismo a morte. Nin todo o que fai a esquerda está ben nin todo o que fai a dereita está mal e viceversa. Se fósemos un país en verdade civilizado e democrático comprenderiamos que tanto uns coma outros cometen erros ou teñen razón á marxe de ideoloxías políticas, pero céganos un pasado que non pedimos e convertemos en herdeiros dese pasado unha xente que, con toda probabilidade, non se sente herdeira de nada. Envexo, nese sentido, un Reino Unido con moita máis tradición democrática cá nosa e que non ten reparo en criticar o seu líder cando o está pedindo a berros. Aquí, porén, abonda con que este se protexa baixo determinadas siglas para que o espírito crítico desapareza sen deixar rastro. Irrítame até a furia.
2ª.- A burocracia. Sempre me custou comprender que para solucionar un asuntiño de nada que dependa da administración pública, cumpra dar voltas e máis voltas, que che leven a contra por sistema, sen escoitarte apenas, sacando da manga unha cláusula ou un imperativo que non ten razón de ser; que mesmo teñas que cabrearte en serio para que che presten atención; que teñas, en suma, que amosar unha mala educación que estás lonxe de sentir para solucionar ese asuntiño de nada. Ás veces penso moito en Larra. Rebéntame.
3ª.- O nacionalismo embiguista e limitador até o pailanismo. Son incapaz de comprender ese nacionalismo embiguista capaz de refugar ideas máis universalistas por unha presunta protección do propio. Ben está protexer o propio, ben está, pero nunca até o punto de pechar os ollos a unha realidade maior, máis ampla, máis complexa e rica, da cal, por outro lado, formamos parte. Negar a historia e o presente, negar o que temos entre mans non conduce a ningures, sobre todo cando vivimos tempos en que a mestizaxe cultural, a comprensión e aceptación do alleo solicitan impoñerse a berros.
Hai outros detalles que me poñen fóra de min, abofé que si, pero estes son os que nos últimos tempos máis me desacougan ou máis me roldan na cabeza.
Non sei se me exiliaría a xalundes. Se non me quedase máis remedio que escoller, quizais marcharía a Islandia, pero vai tanto frío, queda tan ao norte, os días e as noites duran tanto e, por riba, é unha illa, que dubido moito de que resistise o desacougo e a morriña. Nese sentido tiro a primitiva.
Non sinalo a ninguén; se a alguén lle apetece compartir connosco os seus íntimos motivos de exilio, non se prive.