15.8.15

Talantes?

Agradezo a formación que teño porque creo que, grazas a ela, son quen de apreciar a grandeza e pequenez do mundo; sospeito que tamén inflúe o meu talante para ver con claridade que ignoro moitas cousas importantes que, para outros, son o pan noso de cada día. Gústame esa ignorancia, non por compracerme nela, senón porque, ao recoñecela, estou abrindo a porta para emendala. Sen curiosidade o gato viviría, pero non aprendería nada novo e iso sería moi triste.
Pola mesma razón, non me gustan os fachendosos nin os pedantes que intentan por todos os medios deixar pampo o persoal, xa non amosando o que saben, senón facendo gala do cúmulo de coñecementos que atesouraron ao longo da vida, poñéndose por riba dos demais, do ben e do mal, e desprezando a  quen non ve as cousas coma eles.
No chamado mundo intelectual é moi frecuente atopar elementos así, que non empregan a lingua para que os entendan con claridade, senón que, asemade, desexan deixar patente que están noutro nivel, máis excelso quizais, máis exquisito. Quizais por unha deformación nacida cando impartía clase, desde o primeiro momento en que me decatei de que, se empregaba determinadas palabras, non se me entendía, procurei comezar a casa polos alicerces e non polo tellado. Iso é traballoso? Abofé que si! Cómpre buscar termos que expresen algo semellante, esmiuzar a explicación para, a seguir, introducir a palabra precisa -unha vez constatado que se comprende o seu significado- e usala con naturalidade, sen esquecer lembrar de cando en vez o concepto ao que se refire. O coñecemento non serve de nada se non se comparte e para iso cómpre adecuar o léxico que se emprega a quen nos escoita. O demais é puro farelo.

6.6.15

Series

Ler series de novelas protagonizadas polo mesmo personaxe produce unha sensación curiosa, sobre todo se comezaches a serie hai anos e agardaches a publicación da seguinte novela durante o tempo que fixese falta porque che quedou gana de máis. A cada nova entrega, o protagonista amosa un detalle, unha característica, unha pequenísima folerpa que non aparecera nas anteriores e iso faino medrar aos teus ollos. Á parte da habelencia de quen escribe para dotar o protagonista dunha mini-faceta nova que resulte verosímil, o lector agradece a (relativa) novidade quizais porque se sente a gusto e agrádalle que Guido Brunetti, Petra Delicado ou Salvo Montalbano abran unha nova xaneliña nas súas vidas e che permitan botar unha ollada. Son algo semellante a parentes non moi próximos dos que sabes algo de cando en vez, cuxa vida experimenta acontecementos coma a túa que os fai cambiar e ti, espectadora privilexiada, asistes a eses cambios que che poden gustar ou non, pero que de seguro te entreteñen. A idea que tiñas dese personaxe muda, ás veces de xeito irremediable, e se non che agrada o rumbo que encara, abandonas a serie sen moitos remorsos, mais cunha leve sensación de desgusto ou traizón.
Pouco espazo queda xa para Kinsey (unhas tres novelas) porque o alfabeto está rematando, e debo recoñecer que me vai custar prescindir das súas historias. Mariana de Marco hai algún tempo que me cansou. A Marco Didio Falco teño que estar de "quero" para lelo, e de Kay Scarpetta aínda me quedan dúas aventuras sen tocar. Vila e Chamorro non tardarán (espero) en saír de novo a resolver un caso e de Harry Bosch agárdame unha entrega, ao igual que de Pitt, Jaritos e Pendergast -aínda que este último está comezando a incharme os narices.
Iso sen contar co que está á espera de lectura e non ten precedentes.

29.5.15

Club de lectura: Pedro Feijoo

Onte estivemos de noraboa no club de lectura de Ribeira. A presenza de Pedro Feijoo fixo da xuntanza -sempre agradable- unha verdadeira festa. Contounos detalles da elaboración d'A memoria da choiva que nos interesaron a todos os presentes, comentou cal é o seu xeito de entender a literatura, esbozou o seu método de escritura e, por riba de todo, converteu a reunión nun intercambio de pareceres ameno, fluído, dialogante, respectuoso e encantador grazas ao seu encanto persoal. Xa comentara o libro noutra ocasión, acabado de ler, para deixar patente a miña admiración. Na distancia curta teño que dicir que Pedro Feijoo é unha persoa que se fai querer. Riquiño!

2.5.15

Agasallos

Hai un ano o home de Maryland tróuxonos unha peonia (en castelán, peonía) que un temporal case arrasou. B, que é máis experimentado ca min nestas lides, aseguroume que lle dese tempo, que volvería agromar. En verdade alucinei co proceso -lento, como cómpre- de renacemento, até que hai uns días descubrín no curuto da planta un rebento que semellaba querer abrir en calquera momento. Non me trabuquei e, en efecto, abriu esta enorme flor que a chuvia desta noite case manda ao outro barrio. Esta mañá estaba abeirada dentro da caseta das cadelas -elas non a usan porque dormen dentro da casa- e aproveitei para facerlle unhas fotos que non saíron nada ben. Metémola para que a ventada que sopra non a desfollase e por fin puiden captala en repouso. Como lle brillan os pétalos!, que grande é!, que colorido! Graciñas, Paco, polo agasallo. :D

24.3.15

Os segredos de Melas

Preguntoume o outro día B se lle dera algo verde a Melas e respondinlle que non. Explicoume que acababa de enterrar algo verde; primeiro fixo a coviña e logo, co seu fociño, tapouno ben tapadiño. Ao día seguinte repetiu a operación, a cuxo final puidemos asistir; á beira do eucalipto agachou algo baixo a terra e fixo o disimulado -daquela maneira-.
Pregunteille a B se non lle proía a curiosidade por saber e a súa resposta foi o colmo da consideración: "son os seus segredos; non temos por  que indagar".
E aquí estamos, comestos pola curiosidade, pero discretos, respectando os segrediños da nosa cadela pequena; ela, tan riquiña, tan cariñosa e bicadora, ten cousas que agochar. Seguro, segurísimo, que cando as queira recuperar, non saberá onde están.

21.2.15

... e once de blog

Foi coa axuda de Cesare que abrín este blog; logo viñeron outras axudas non menos importantes de persoas descoñecidas que chegaron a facerse coñecidas e coas que aínda me relaciono. Ten graza, non?
Había menos dun ano que me xubilaran e viviamos en Monte Lourido nunha casa alugada desde onde se contemplaban imaxes como as que figuran no enlace (por certo, a fotografía da pasionaria lémbrame moito a unha miña; é máis, creo que a única pasionaria que había alí era a nosa); excelente lugar para recuperarse e intentar levar unha vida normal e tranquila. Cesare e B animáronme -case me empurraron- a meterme neste mundo que me era alleo por completo. E aquí estamos, once anos despois, noutra casa noutra vila, pero co mar e o monte preto, e desde onde tamén se poden contemplar imaxes relaxantes. Xa choveu.

15.2.15

Sete anos de Dona

Hai sete anos naceu Dona. Mellor dito: 'nacérona'. A súa nai non daba parido e tiveron que facerlle a cesárea, para atopar dúas femias e un macho morto. Os seus donos sacaron adiante as crías con bastante traballiño e dous meses despois esta cadela saíu do seu primeiro fogar para chegar a unha casa onde non se sabía moito de cans, pero había moita gana de aprender.
Durante as dúas horas longas que durou o traslado, a cadeliña comportouse de marabilla no colo de B que, por prudencia, levaba un cueiro sobre os xeonllos, pero non fixo falta. Iso si, en canto entrou na casa botou unha mexadiña; a pobre non debía de poder aturar máis.
Non é doado resumir nunhas liñas o que supuxo e supón convivir cun ser doutra especie sen máis finalidade ca esa -a convivencia-; se cadra, o máis destacable que se me ocorre é o que implica ese proceso: unha morea de sentimentos entre os que o máis intenso para min é a tenrura, aínda que para chegar a ela houbo que pasar por impaciencia, cabreo, algún que outro susto e mesmo momentos de desesperación.
Dona tivo que aprender a deixarse cepillar e limpar, a non morder con forza, a obedecer cando a chamaban, a permanecer soa cando iamos á compra, a... Uf! Eu aprendín a interpretar os seus movementos, os seus xestos; desenvolvín unha paciencia case infinita; coñecín o supremo pracer de acariciala, de manipulala cando cumpría comprobar se había unha ferida ou se aquel vultiño da orella era importante; souben o estupendo que resulta amar un ser vivo cuxo benestar depende de ti.
E aquí estamos as dúas -neste momento, as tres- no estudio, eu dándolle ás teclas, elas tombadas preto miña, en tranquila compañía. As femias da familia.

8.2.15

Belezas

Melas en actitude meditativa
Este inverno está resultando un regalo dos deuses, malia o frío e os poucos temporais que levamos enriba. Cando menos, brilla o sol con bastante frecuencia e pódese observar como vai mudando a luz a medida que os días crecen. Tamén é posible pasear pola horta e observar as árbores -case todas moi novas- con ou sen follas; as plantas baixas experimentan cambios case de día en día, e Dona e Melas convídanme polas mañás a saír con elas ao exterior, para logo pasar de min coma se non existise, agás se decido entrar de novo; entón volven á carga e, se me ven ocupada, sentan cabo de min e reláxanse.
Dona ollando pola "fiestra"
É agradable esta vida tranquila, sen grandes desgustos ou con eles, pero coa capacidade de asumilos sen facer un drama. Aínda que debo recoñecer que sigo agarrando cabreos coma antes, cando tiña máis enerxías; iso si, pásanme en menos tempo.
Gústame a beleza que me rodea, ter a sorte de poder gozar dela e non desexar unha vida con máis acción. Creo que a acción que máis gorentei sempre é a que me contan os libros, acomodada no sofá, ao abeiro de perigos.
Claro que a vida nunha vila pequena ten algún que outro inconveniente: tarde ou cedo, chéganme comentarios que dan por certas cousas sobre min que son incorrectas ou mentiras e, cando iso ocorre, me pregunto como é posible que a xente invente con tanta
lixeireza. Será que non teñen mellores asuntos que atender. Mentres tanto, eu ao meu.

24.1.15

Sentimentos e sensacións

Dentro duns días (o xoves, para máis datos) teremos a Suso Lista no Ateneo de Ribeira para falar cos membros do club de lectura do seu libro Salseiros. Aínda non o rematei, pero estanme gustando estes pequenos relatos seleccionados do seu blog cargados de sentimentos e sensacións, algúns tan doces coma unha caricia; outros un chisco máis duros e irónicos.
A primeira vez que vin a Suso foi na tele (cando eu aínda vía a tele) na serie Mareas Vivas, hai unha chea de anos e abraiárame que actuase tan ben. Explícome: Só sabía del que era un percebeiro da zona e para min actuar, representar un papel, finxirte outra persoa por moito que se pareza a ti, antóllaseme unha arte difícil. El mantiña o tipo, non o facía nada mal. Logo souben que era moito máis ca un percebeiro, deses que xogan a vida para que os amantes dese marisco celebren o que teñan que celebrar cun manxar especial; actuaba, lía en público, narraba, escribía, andaba na tele...
Teño curiosidade por coñecelo en persoa e escoitalo. Seguro que ha ser unha auténtica experiencia.

18.1.15

Sara Miranda

Ignoro se esta foto que me fixo Sara Miranda amosa a miña esencia (como dixo alguén) ou non, pero si sei que é unha das poucas que me fixeron na vida nas que me recoñezo sen reservas. Polo momento é a única que teño da sesión que conto no post anterior e escuso dicir que rabio por ver as outras, pero tempo ao tempo. Hai que deixar as artistas traballar ao seu ritmo.
Cando falei con X do proxecto no que a fotógrafa anda metida e da posibilidade de integrala, vin como os seus ollos botaban faíscas e abofé que unha muller coma ela daría boas fotos, desas que dá gusto contemplar cando o tempo pasa, que non nos fan sentir incómodas, porque quen as fai sabe o que leva entre mans. Sempre me pareceu difícil o retrato, por iso ante este, a miña admiración pola autora aínda medrou máis.