6.12.11

Paseos



Aproveitamos parte destes días de festa para saír ao monte coas cadelas; polas mañás, claro, que é cando hai luz e vese onde pousas os pés. Dona e Melas gozan que dá xenio velas, chéirano todo, indagan o que lles chama a atención, van adiantadas e de cando en vez agardan por nós, a ver que nos retén, acoden aos nosos asubíos e, en xeral, compórtanse coma cadelas educadas.
Está o chan cuberto de setas do máis variado, da maioría non sei o nome pero distingo á perfección as amanitas, coas súas características manchas brancas sobre fondo vermello; algunhas están mordidas, ou iso semella, malia que se cadra son os estragos que a chuvia lles deixou. Ando atenta ao que morden as cadelas, non vaia ser o demo que coman o que non deben e, en xeral, gozamos os catro da tranquilidade que se respira no monte. Apenas vemos papeis de prata queimados, din que pola crise, e eu alédome de que non haxa tanto refugallo deitado nas leiras, moitas delas acabadas de limpar. Ao cabo dunha hora e media, como moito, comezo a notar o cansazo, a necesidade de sentar un anaco para recuperar folgos. B vai diante e avísame do que os meus pés deben evitar, aínda que eu non separo os ollos do chan.
Queda moi pouco para as vacacións, non moi longas, certo, pero gratas coma todas as vacacións. Refrego as mans pensando nos días que nos agardan dentro de nada e respiro fondo convencida de que o pasaremos moi ben ou, cando menos, estaremos a gusto.

Ningún comentario :