5.1.12

Todo por un atado

Onte tocou ir ao punto limpo para desfacernos de residuos varios e a tres supermercados para abastecer frigorífico e despensa de produtos necesarios. Polo espello retrovisor vin a B meter algo no coche e pensei: "A ver que lixo recolleu este home do colector". Lanceille un semiberro para advertilo e, coma sempre, B explicoume que aquilo era un desaproveitamento indignante; respirei fondo para calmarme e á fin souben que se trataba dun atado de botes dunha coñecida marca de cacao en po. Mordín a lingua para non poñerme a protestar e arrincamos para o primeiro súper, a cuxa porta está acotío un romanés que pide traballo ou cartos e con quen charlamos de cando en vez. Como non podía ser menos (hai moitos anos que nós non tomamos cacao en po), o atado foi para el.
Tras o xantar, e con toda a calma do mundo, comentei con B as posibilidades que se me ocorreran desde o primeiro momento en que o vin co atado:
- Quen tira un atado de botes dun produto comestible en perfecto estado? Sería cacao en realidade ou outra substancia?
- Se fose esa substancia, que faría o romanés con ela?
- Se a policía se vise metida nunha investigación, como ía tragar que un par de cincuentóns sen problemas económicos remexese no lixo alleo? Como a iamos convencer de que todo fora inocente?
- Se fose cacao mesturado coa substancia en cuestión, que efectos podía producirlles ao romanés e á súa familia? Seriamos acusados, coma pouco, de atentado contra a saúde pública ou (o que sería case peor) de incitar ao consumo de substancias ilegais servíndonos de medios pouco éticos.
Continuei un anaco debullando outras posibilidades mentres degustaba un grolo de viño, até que B, cun sorriso retranqueiro, rematou dicíndome: "Si, claro, pero tamén podía ser o que aparentaba: uns botes de cacao en po".
Con isto volvín ao principio: Quen tira un atado dun produto comestible en perfecto estado?

Ningún comentario :