Quen a estas alturas non coñeza a obra de David Rubín non sabe o que perde, pero como non a todo o mundo lle atraen os tebeos -esa arte que une dúas e tan difícil e completa me parece-, cómpre desculpalos. A saída do segundo libro de El héroe está provocando críticas entusiastas que comentan influencias e gaban a técnica, a imaxinación e o estilo deste estupendo autor; tamén dan conta do enorme traballo que se precisou para sacar adiante unha obra tan complexa, cuxo protagonista vai evolucionando desde o principio á fin sen perder en ningún momento a humanidade.
Cando rematei a súa lectura enchíame tal abraio que me resultaba imposible traducilo en palabras, a min que coidei que sempre se poden expresar os sentimentos e as sensacións; necesitei varios días para dixerir e comprender qué acontecera. Á marxe de cuestións persoais (quero moito a David), El héroe marabilloume polo debuxo, a cor, o ritmo narrativo, as secuencias, a imaxinación e a creatividade do autor, pero tamén, e moito, pola súa sabedoría vital. Transmitir unha emoción cun aceno da face ou un movemento demostra que a técnica é básica, pero resulta fría sen paixón, e paixón desborda cada viñeta, cada detalle, cada pincelada desta inmensa obra; imposible non percibila, pois vai directa ao corazón.
El héroe conmoveume e conmocionoume. Que máis podo dicir?
3 comentarios :
A marabilla de ver aquel neno...ainda.
noraboa ó autor.
biquiños,
iso digo eu: que máis podes dicir???
:)
fico curiosa e con gana de probar
Publicar un comentario