15.2.14

Para Jota

Dona repousando un chisco despois da carreira
Dona coas orellas ao vento e a filla ao fondo
Dona entre os fentos ou fieitos -como din aquí-
Melas atacando
Melas preparándose para atacar
Dona osmando entre a herba
Melas no seu tobo -día a día máis pequeno-  
Dona durmindo no seu recanto do sofá
Hoxe Dona cumpre seis anos, seis. A filla, Melas, fixo tres e oito meses hai dez días. Son xa cadelas adultas, aínda que calquera o diría; choutan, xogan, perseguen paxaros, devecen polas caricias, son atentas aprendizas de cociña, non rexeitan un anaco de cenoira ou de mazá, controlan todo o que fago... A veterinaria asegura que están gordas (non obesas, ollo) e insiste en que deben adelgazar un chisco; B retruca que é polo inverno, que non lles permite saír ao exterior todo o conveniente, que en canto mellore o tempo seguro que han baixar algo de peso. De todos os xeitos, vémolas activas, se cadra algo amantes de máis do sofá, pero coa chuvia quen é o que se anima a envorcarse na herba e corricar pola horta?
Acotío, cando volvo dos recados, recíbenme coma se houbese mil anos que non me ven e, así como me poño a abrir as ventás -actividade que realizo acompañada de Dona-, convídanme a saír á horta. Falar non falarán pero enténdeselles de marabilla. Unha vez fóra andan ao seu, coma se eu non existise, pero axiña notan a miña ausencia e véñenme buscar. Iso si, en canto me poño a cociñar, sentan moi serias e modosas ollando para min sen perder un só movemento; agardan, madía leva!, a que lles caian unhas pingas de salsa de tomate ou do que sexa, e son capaces de aturar con paciencia infinita o tempo que cumpra para recibir a propina. Como di miña nai, fan moita compañía. Eu engadiría: e non só iso.

7 comentarios :

Perrunadas dixo...

Boh, G tamén está un pouco chea... é este mal tempo, que non permite facer nada!

paideleo dixo...

Como di a miña sogra: " Fóra a alma, son coma nós ".
Parabéns para Dona. E,de rebote, para todos vós.

Jota dixo...

Moitas gracias, Uxía. Ti tiveches moita sorte con elas, pero elas con vos, tamén.
Encántame ver esas fotos que publicas no teu blog.
Bicos
Jota

abuelacris dixo...

Fermosas.

Zeltia dixo...

Que felices se ven! sobre todo durmindo están preciosas e transmiten esa sensación de completa placided.

Chousa da Alcandra dixo...

Eu tamén son cadelo adulto. Somente me falta que as orellas se me poñan coma as de Dona cando vou corricando; polo demais...calcadiño!!

mariajesusparadela dixo...

Tanto máis, Peke, que eu, gracias á miña Seño, descubrín Paradela, a terra, un novo mundo de felicidade.