17.4.14

O home que escoitaba os mortos

Maurizio de Giovanni é o creador do comisario Ricciardi, un concienciudo policía de Nápoles na época dourada do fascismo, en 1931. Daquela todo era perfecto en Italia e non se podía consentir que nada nin ninguén perturbase a idea de felicidade imaxinada para o país, de tal xeito que nin xornais nin policía debían espallar novas que desacougasen o día a día dos cidadáns. Ricciardi ten que batallar cos seus superiores e a súa obsesión de non molestar os poderosos, que gozan de contactos con outros aínda máis poderosos e mesmo algúns son amigos persoais do Duce
O comisario posúe unha especie de don ou maldición -segundo se mire-: a capacidade de ver os mortos e oír as súas derradeiras palabras. Entre vivos e mortos, o mundo de Ricciardi está ateigado de seres que, dun xeito ou doutro, lle transmiten a súa dor e a el non lle queda máis remedio que vivir e sufrir con ela.
Concordo co que nos conta Alice Silver no seu blog Mis detectives favoritos -especializado en novela negra-: os personaxes creados aparentan seres de carne e óso, emocións e alma; as historias están moi ben contadas, e a acción séguese con interese e pracer. Que máis se lle pode pedir á boa literatura?

3 comentarios :

Raposo dixo...

Non coñezo a ese autor pero enpezoume a picar a curiosidade.
Apertas

peke dixo...

Anímate, Raposo, paga a pena mergullarse neste autor.

Zeltia dixo...

sempre que che leo as impresións sobre novelas que te seducen, pregúntome como é que non me queda tempo para mergullarme nelas...
supoño que lle vou dando prioridade a outras cousas que tamén me gustan. algunhas veces as lecturas que escollo gústanme por outras cousas, pero añoro ler novela, desas que te atrapan e non podes parar ata terminar. E despois deixan ese pouso...