28.5.14

Preñeces

Inma López Silva hai pouco foi nai, igual cás tres Marías que coñezo aquí. Destas, só de dúas seguín máis de preto o embarazo e, visto desde fóra, teño para min que o talante de cada muller converte  ese tempo en algo diferente por completo por moito que se diga que a experiencia é igual ou semellante. Da terceira María só podo dicir que levou os nove meses con moita calma; das outras dúas, unha viviunos con bastante angustia, e a outra cunha ilusión e optimismo desbordantes, informándose nas fontes que precisaba e aténdose acotío á normalidade do proceso. Desta última foi de quen máis aprendín, se cadra porque a confianza conduce a comentar sensacións ás que, doutro xeito, non tería acceso. Teo, Juan Carlos e Lucas xa están neste mundo, ao igual ca Sofía, e supoño que os catro son bebés sans e normais que fan a ledicia dos pais, dos avós e de canto parente postizo se acople. Inma foi a única que escribiu un libro delicioso para os que o tema nos interesa ou, tan só, para os que nos interesa saber de todo. Tenro, irónico, sen estridencias, divertido, emotivo, fluído e, si, tamén alegre, malia a nai ser hipocondríaca e aprehensiva; se cadra porque o mellor que lle pode pasar a unha é saber rirse de si mesma e non dramatizar. Prosa da boa, sen estridencias.

3 comentarios :

paideleo dixo...

Eu envexo das mulleres a capacidade de ser nais. Debe de ser unha experiencia especial.

peke dixo...

Iso din. Eu non a tiven, pero vivina por delegación. ;)

Zeltia dixo...

hai tanto desa experiencia que xa lembro moi pouco: a ilusionante expectativa e o asombro.

as persoas algo hipocondríacas creo que temos unha facilidade especial para facer bulra de nós mesmas.