24.3.15

Os segredos de Melas

Preguntoume o outro día B se lle dera algo verde a Melas e respondinlle que non. Explicoume que acababa de enterrar algo verde; primeiro fixo a coviña e logo, co seu fociño, tapouno ben tapadiño. Ao día seguinte repetiu a operación, a cuxo final puidemos asistir; á beira do eucalipto agachou algo baixo a terra e fixo o disimulado -daquela maneira-.
Pregunteille a B se non lle proía a curiosidade por saber e a súa resposta foi o colmo da consideración: "son os seus segredos; non temos por  que indagar".
E aquí estamos, comestos pola curiosidade, pero discretos, respectando os segrediños da nosa cadela pequena; ela, tan riquiña, tan cariñosa e bicadora, ten cousas que agochar. Seguro, segurísimo, que cando as queira recuperar, non saberá onde están.

3 comentarios :

mariajesusparadela dixo...

Supoño que o que agachou é sempre o mesmo. Porque ainda que ti penses que o esquecen, non é así: van cada día mirar o seu tesouro e, normalmente, cambiano de sitio.
Se tes paciencia...

Zeltia dixo...

será un xoguetiño... e mira ti ela que o ten todo inda sinte a necesidade de gardar para os malos tempos.
deberiamos tomar exemplo. Eu, sobre todo, que non son nada agradecida

Aldabra dixo...

que doce é a historia... ten razón B, elas teñen as suas cousiñas... e necesitan durmirse arrimadiños a un peluxe o unha boneca...

ou laiar cando soñan... ¿con qué soñarán os canciños?...

bicos,