6.6.15

Series

Ler series de novelas protagonizadas polo mesmo personaxe produce unha sensación curiosa, sobre todo se comezaches a serie hai anos e agardaches a publicación da seguinte novela durante o tempo que fixese falta porque che quedou gana de máis. A cada nova entrega, o protagonista amosa un detalle, unha característica, unha pequenísima folerpa que non aparecera nas anteriores e iso faino medrar aos teus ollos. Á parte da habelencia de quen escribe para dotar o protagonista dunha mini-faceta nova que resulte verosímil, o lector agradece a (relativa) novidade quizais porque se sente a gusto e agrádalle que Guido Brunetti, Petra Delicado ou Salvo Montalbano abran unha nova xaneliña nas súas vidas e che permitan botar unha ollada. Son algo semellante a parentes non moi próximos dos que sabes algo de cando en vez, cuxa vida experimenta acontecementos coma a túa que os fai cambiar e ti, espectadora privilexiada, asistes a eses cambios que che poden gustar ou non, pero que de seguro te entreteñen. A idea que tiñas dese personaxe muda, ás veces de xeito irremediable, e se non che agrada o rumbo que encara, abandonas a serie sen moitos remorsos, mais cunha leve sensación de desgusto ou traizón.
Pouco espazo queda xa para Kinsey (unhas tres novelas) porque o alfabeto está rematando, e debo recoñecer que me vai custar prescindir das súas historias. Mariana de Marco hai algún tempo que me cansou. A Marco Didio Falco teño que estar de "quero" para lelo, e de Kay Scarpetta aínda me quedan dúas aventuras sen tocar. Vila e Chamorro non tardarán (espero) en saír de novo a resolver un caso e de Harry Bosch agárdame unha entrega, ao igual que de Pitt, Jaritos e Pendergast -aínda que este último está comezando a incharme os narices.
Iso sen contar co que está á espera de lectura e non ten precedentes.

3 comentarios :

Paz Zeltia dixo...

vexo que vas ter un verán moi ocupado entrando nas vidas das personaxes e desenvolvendo novelos!

:)

Eu retornei á novela esta semana con un libro que xa debera ter lido:
Los pasos perdidos / Carpentier

Chousa da Alcandra dixo...

Son esas novas facetas as que nos permiten profundizar no coñecemento da persoa-xe; e por iso nos gusta atopalas. Noutro caso seguramente persoa e persoaxe nos resultasen anódinos...

Apertas de verán

epson printer offline dixo...

Epson Printers Support team always here to provide Support to the Epson Printer user, You can Contact us to know How to Fix Epson Printer Error Code 4F by dialing Epson Technical Support Number 877-760-6133. we provide an instant solution by Epson Printer Customer Care team