23.3.04

Blogs
Contra, Reanimator e Todonada, entre outros, escriben sobre os blogs, da súa finalidade, das súas limitacións e da sinceridade e liberdade que permiten. As miñas ideas ao respecto non son demasiado claras, quizais porque antes de decidirme a abrir este penseino moito e, unha vez lanzada, tiro para adiante sen máis historias.
Non fago como Cesare, o experto en cripticismo, probablemente porque me relaciono pouco (á parte de que o meu temperamento non me leva por ese camiño), pero conto o que me apetece, e os meus límites veñen dados por un pudor que ás veces roza o enfermizo; non me vexo contanto certas cousas, a verdade, e non porque vaian facerlle dano a ninguén; algún día, quizais, saltarei a barreira (in)consciente que me puxen e decida airear unha serie de cuestións que me roldan, mais sen a tiranía dos prazos. No meu caso, o anonimato -creo que total- permíteme unha soltura da que outros non gozan; aínda así, coido que hai límites que non se deberían traspasar (os que dite a conciencia de cada un).
Tampouco valen as xeneralidades neste tema; os blogs son tan variados coma as persoas que os escriben; algúns semellan coutos pechados nos que ata dá certo reparo facer comentarios, coma se te estiveses metendo nunha conversa privada cuxas regras de xogo descoñeces. Pero, por outra parte, son públicos, así que...
Non sei, marear a perdiz con qué pretendo, qué podo ou non podo contar, qué consecuencias traerá tal comentario paréceme unha perda de enerxía que non conduce a ningures. Ninguén nos obriga a facelo; calamos o que queremos e opinamos sobre o que nos chama a atención ou nos apetece. Non hai máis. Somos nós quen decidimos. Sempre.

Ningún comentario :