3.4.04

Busca de si mesmo
De blo en blo vou descubrindo unha constante busca de si mesmo, ás veces torturada, outras vacilante, con frecuencia desconcertada. A case ninguén lle agrada tropezar coa 'sombra', esa parte de nós mesmos que vemos nos demais e rexeitamos, sen decatarnos de que é tan nosa coma a outra, a luminosa.
A aceptación sincera da sombra non é sinxela; cómpre emprender camiños secundarios tan escuros que, máis que asustar, inspiran auténtico terror; xorden reviravoltas preñadas de murmurios inconcretos que nos botan para atrás; horrorízanos a face que atopamos reflectida nun espello, e negámonos a recoñecela como propia.
Mais chega un día en que caemos da mentira e asumimos. Non atopamos a paz, pero si algo parecido: aprendemos a vivir con nós mesmos e acabamos colléndonos cariño.

Ningún comentario :