|
|
|
|
|
Dentame Sempre me afecta que B ande baixo de ánimo, e máis pola súa peculiar maneira de ser, pouco dada a compartir polo miúdo os detalles da súa preocupación. Desta vez, porén, sei qué o preocupa e indigna, mais nada podo facer, só agardar. Este é un dos problemas, coñecido por el desde hai tempo. Onte tiveron que sacarlle dúas moas sen mácula que xa non tiñan ónde agarrarse; ía disposto a non deixarse tocar se non lle explicaban punto por punto a necesidade de prescindir de dous molares sans. O estomatólogo que nos trata arestora cumpriu de sobra as súas demandas e mesmo lle explicou con puntos e comas as actuacións que evitarían chegar a este extremo. O que en verdade o indigna é ter pasado seis anos cun suposto especialista na súa doenza que, amais de repetirlle que non coidaba ben a boca (¡a el, por favor, que tarda vinte minutos en lavar os dentes -unha hora diaria-!), non fixo o que debería ter feito para evitar que ese mal avanzase até o irreparable. A meu B gústalle comer chuletóns de boi de cando en cando; de agora en adiante é posible que deba prescindir dese pracer. |
|
|
|
|
Rindo por dentro Mentres Pawley anda ocupado en Donostia vendo cine e compoñendo crónicas, esquecido doutras tarefas -case seguro menos gratas-, tomo un respiro nesa lectura partillada e dedícome con interna ledicia a Cuentos, fábulas y lo demás es silencio de Augusto Monterroso, ofrecido a prezo de ganga por un xornal deses grandes hai xa algúns meses. Á concentración expresiva e conceptual cómpre engadir a, para min, deliciosa retranca dun escritor que non quixo vivir do que escribía; nas súas brevidades abondan unha ou dúas palabras para darlle volta á tortilla e provocar o sorriso cómplice do lector; outras veces as reiteracións, en aparencia superfluas, conseguen un efecto semellante, mesturado dunha leve sensación de horror ante o que agachan. Gústame esa limpeza traballada na prosa que elimina todo o que non é imprescindible e que moitos consideran pobreza. ¡Ha! Quén me dera a min ser tan pobre. |
|
|
|
|
Terrible sospeita A pesar de contar cun lado práctico e realista abondo forte, a pesar de ler varios xornais (que me axudan, por certo, a confirmar que a información non é obxectiva e si manipulable), a pesar de ter aprendido a relativizar e situar os acontecementos no seu contexto, sospeito desde hai unha tempada que continúo a ser unha idealista - quizais ilusa- da peor ralea. Temo que a estas alturas o meu mal non teña cura. |
|
|
|
|
|
De visita Semella unha muller doce, boa profesional, delicada, agradable e minuciosa. Verémola esta tarde. Só ten unha pega: é odontóloga. |
|
|
|
Dial derramado Non fixen esforzos, non frecuentei ambientes ruidosos, durmín ben, comín ás miñas horas, comporteime...; pero parece que todo iso non lles importa aos meus fieis acompañantes. ¿Alguén sabe onde podo atopar a Raíña Vermella? Seguro que estaría disposta a facerme un favor pequerrecho. |
|
|
Mentireiros compulsivos Aínda non entendo moi ben qué perseguen endosándoche trolas doadas de descubrir, pero aí están; fabulan sobre feitos miúdos ou grandes intentando, quizais, reinventar a súa vida. O peor é que reinventen a túa e te informes por terceiros. |
|
|
|
|
Vida segunda Tan intensa foi que sería unha das poucas que repetiría. Arrastrei cardumes de sardiñas e pillei un mero; permitín a unha serea adobiarme a crista cun colar de algas, e a un tritón cabalgar, bébedo de sal, no meu lombo arcado; vin o lumbrigante chorar cara á tona do mar pola perda dos seus; albisquei desde lonxe o derradeiro centolo da caste; sentín moi adentro o sabor dos mariñeiros perdidos; axudei aos compañeiros a izar unha rede preñada; envorquei iates evitando pesqueiros; arrinqueille o sostén a unha bañista distraída, e os calzóns a un chuleta de barrio (aínda río ao lembralo). E por fin, como todas as ondas, estoupei en escuma. |
|
|
|
|
|
|
Emocionada Grazas, Don. Por Mateo. |
|
30.9.04