13.12.06

Vellos tempos e outras herbas

Coma nos vellos tempos volvo ter unha otite despois de dez anos, desta vez no oído menos xordo. A consecuencia é que non podo usar ese audífono e ando ás apalpadelas auditivas poñendo cara de idiota e ollando fixamente para os beizos de quen me fala. Nin sequera podo poñerme ao teléfono. A sensación de illamento (se me apuran, de soidade) é enorme. O acúfeno dese lado está máis entolecido do habitual e resulta paradoxal o balbordo interno e o silencio externo.
Un dos libreiros da vila botoume unha rifa coma nunca na vida recibira. O home estaba anoxado pola organización da presentación, a ver por que el non tiña libros meus. B suxeriulle que chamase á editorial e el, moi digno, respondeu que NON, que o que fixeramos era de aldea. Mal sabe el a ilusión que me fixo que me considerase da aldea. Aínda teño que pensar se volverei mercarlle a prensa os sábados.
Relín estes días Cuentos de invierno de Isak Dinesen, moi coñecida a raíz da película Memorias de África que pouco ten que ver co libro. Hai anos fun afervoada seguidora desta muller e conservo case todos os seus libros en vellas coleccións. En tempos difíciles o seu xeito de ver a vida axudoume a mudar o meu, a crisparme menos polas complicacións que me xurdían no camiño. Despois din que a literatura non serve para nada.

Ningún comentario :