4.12.06

O libro

No bar Plaza hai moita expectación para o martes, o día da presentación do meu novo libro, ese que tardou sete anos en ver a luz. Seica é a primeira vez que se fai tal cousa na vila e noto a emoción latexando no ar. Imos inaugurar con este acto o ateneo Valle Inclán, no que Patu ten postas moreas de ilusións. Espero que todo saia ao seu gusto.
Telefónanme de distintos sitios para facerme entrevistas. Nun caso envíanma por correo electrónico e respóndoa polo mesmo medio pensando case maldades das estrañas preguntas. Non sei que esperaba, en todo caso algo máis racional.
O diario cultural da radio galega quere gravarme lendo fragmentos dalgúns relatos e necesita un teléfono fixo. Grazas ao desleixamento de Telefónica non me queda outra que pedir permiso para recibir a chamada ao director do instituto de B, que me facilita o trámite cunha amabilidade conmovedora. Non sei por que, pero a amabilidade sempre me conmove.
Á porta do mesmo instituto, á tardiña do mércores, un home que conduce unha furgoneta preme coma un tolo a buguina; non recoñezo o condutor pero el insiste e aparca a un lado. É Opaco de volta á casa do traballo! Sacódeme a ledicia de velo de xeito tan inesperado. Charlamos uns intres mentres fumamos un cigarro e a escuridade do día que morre tingue o ceo de azulón. Pregúntame por Paleón e dáme recordos para el. Xusto ao cabo de media hora teño a oportunidade de transmitirllos mentres ultimamos detalles da presentación co libreiro e vemos a biblioteca do ateneo, que semella pouco nutrida pola cantidade de espacio baleiro. Hoxe recibo a sorpresa de ollar os andeis moito máis recheos.

Ningún comentario :