Xa pasaron catro anos desde que me xubilaron do ensino e teño que recoñecer que non boto de menos certos aspectos da profesión: o balbordo nos corredores, as conversas privadas con alumnos díscolos ou simplemente maleducados, a elaboración e corrección de exames, as xuntas de avaliación... Porén, teño certa morriña dalgunhas clases, cando conseguía captar a atención de ollos e orellas, as charlas que xurdían ás veces coa rapazada, a emoción que me producían os seus avances, a lectura en voz alta de contos que me gustaban en especial...: a comunicación.
O ensino formou parte da miña vida durante dezaoito intensos anos nos que me dediquei en corpo e alma a eles, os adolescentes que pasaron polas miñas mans, non coma fillos (iso nunca), pero si coma seres humanos a cuxa formación debía contribuír. Sentíame responsable e asumía esa responsabilidade como parte do traballo.
Cando me retirei desa voráxine centrei as miñas enerxías en recuperarme, en vivir de xeito tranquilo lonxe de ruídos molestos e de emocións demasiado fortes e as circunstancias leváronnos a un lugar ideal para curar o espírito e o corpo. Agora, aquí, as cousas son diferentes, non vivo tan illada nin a inestabilidade laboral de B pende sobre as nosas cabeza coma unha espada. É tempo de reflexión por fin, de saír desa especie de letargo que me mantivo coma unha semente á espera do momento axeitado. Creo que non está saíndo nada mal.
Ningún comentario :
Publicar un comentario