Desde cativa todos os veráns ía á praia coa familia. Gustábame xogar na area, pasar o día sen vixilancia, bañarme até case converterme nun peixe e coñecer outros críos cos que compartía as horas.
As de Compostela e as Sinas son as primeiras das que gardo memoria e por veces véñenme refoladas de lembranzas, case todas alegres. Riazor vina cambiar ano tras ano, até converterse en algo imposible. Xa con B fun ás de Baltar e Montalvo, onde temos pasado horas e horas de sol, bocatas e froita; tamén acudimos a Lapamán e Agrelo, até que decidimos cambialas polas de Viveiro e Ribadeo, fartos das aglomeracións que sufría a provincia do sur.
Cando vivimos en Vila Real paseabamos moito por Ladeira, sobre todo no inverno; a pesar das algas que a ateigaban case todos os días, era unha boa praia carente de risco. Logo, en Nigrán, B chegou a collerlle algo de noxo a Praia América, onde resultaba imposible poñer un pé nos meses do verán. Grazas que durante o resto do ano estaba á nosa completa disposición. Por fin, onte fomos por primeira vez á famosa praia do Vilar co seu estupendo parque para pasear. Gustoume que non se permita o acceso aos cans, que haxa vixilantes para que a xente non deixe o coche en calquera lugar non permitido e a terraza do bar onde pasamos un anaco tomando cervexa e olivas.
Agora non me entusiasma a praia; entre que a auga está demasiado fría para min e non podo bañarme, que desenvolvín alerxia ao sol e que me amola pringarme de area, prefiro deixar a B a pé mesmo do mar e agardalo comodamente cun bo libro e unha bebida fresca no bar máis próximo.
Ao Vilar volveremos durante o inverno a pasear, cando marche toda esta xente. Seguen sen gustarme as aglomeracións.
Ningún comentario :
Publicar un comentario