Amosando publicacións coa etiqueta contos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta contos. Amosar todas as publicacións

4.10.09

Enredos e libros

Non sei en realidade en que meto o tempo para levar tantos días sen pasar polo blog; non só polo blog senón polo ordenador, de xeito que tiña as contas de correo ateigadas de mensaxes sen ler. Sospeito que o bo tempo tivo algo de culpa, así como o comezo de curso que esixe adaptarse a unha nova rutina despois da longa paréntese das vacacións.
Lin bastante, iso si, empezando por El nombre del viento de Patrick Rothfuss, que me deixou un leve sabor amargo porque será unha triloxía que aínda non está rematada, así que quedei co mel nos beizos e con ganas de saber máis. Chegoume por fin á librería El silencio de los claustros de Alicia Giménez Bartlett que me lancei a ler coma unha tola. Nada que ver Petra Delicado con Ana Belén nin Fermín Garzón con Santiago Segura. Esta novela é unha máis da serie, pero resulta diferente porque as vidas dos protagonistas van cambiando e enriquecéndose. O final, por curioso que pareza, sorprendeume.
Hai uns días rematei Los relatos del padre Brown de G. K. Chesterton que, se por un lado me fixeron retroceder á primeira adolescencia, por outro trouxéronme novidades, pois faltábanme varios libros que agora, por fin, teño nos meus andeis. Que xeito tan diferente de escribir tiñan os escritores antes e que delicia mergullarse nunhas descricións tan minuciosas que te conducen directamente ao campo inglés.
E seguindo o ronsel destes contos, agora ando con E.A. Poe e os seus Todos los cuentos traducidos por Julio Cortázar. Tampouco os tiña todos, así que me esperan moitos días de pracer e sorpresa.
Espero reformarme e actualizar con máis frecuencia, iso se consigo saber en que meto o tempo.

6.6.09

O mellor e o peor

Houbo unha época na que reinaba en todo o mundo o poderoso amo Obatalá. Era sabio e intelixente e non precisaba axudante ningún. Pero Obatalá decidiu buscar alguén que puidese gobernar a Terra no seu lugar.
Pensou en Orula. Era de confiar, aínda que moi novo, e isto quería dicir que non tiña madurecido para gobernar a Terra e dirixir os homes.
"Antes de falarlle disto teño que poñer a proba a súa sabencia", pensou Obatalá. "Xa verei logo o que fago".
Obatalá mandou buscar a Orula e díxolle:
- Quérote probar. Cumpre o meu degoxo: tráeme algo de comer sexa cocido ou asado; pero ten en conta que esa comida ha de estar feita co mellor que haxa no mundo.

Orula foi ao mercado. Camiñou dun lado para outro e viu froitos fermosos, pero non os mercou. Viu doces, pero non os mercou. Viu moitas verduras, pero non as mercou. Viu diferentes peixes, pero non os mercou. Viu aves, e tampouco as mercou. Había moitas clases de carne, que non mercou.
Despois de moito andar e ollar, Orula mercou unha lingua de vaca. Levou á súa casa herbas, follas de loureiro e outros condimentos, e arranxou un bo prato que lle ofreceu a Obatalá.
Cando Obatalá probou a lingua de vaca dixo:
- É un prato moi saboroso.
E comeuno sen deixar farangulla.
- Moi saboroso -repetiu-; de certo que estaba feito co mellor do mundo. Pódese saber, Orula, admirable cociñeiro, de que estaba feito?
Orula calou.
- Fuches ao mercado, non si? -preguntou Obatalá-. A ver, a ver, alí hai froitas, doces, verduras, peixes, carne... Non era unha simple lingua iso que me trouxeches para comer? E iso é o mellor do mundo?
- Sabio Obatalá -respondeu Orula-; práceme saber que che gustou o prato que che arranxei. A túa intelixencia é abraiante e acertaches... Agora ben, non recordas que non hai cousa no mundo que se poida comparar coa lingua? A lingua pode dar as grazas por un bo traballo, pode gabar unha grande obra, aconsellar na desgraza e dar consolo nas mágoas. Quen dá as noticias aos homes? A lingua. Quen nos di o que temos que facer? A lingua. A través dela un home calquera pode chegar aos máis altos postos do mundo -dixo Orula sorrindo.
- Todo o que dis é certo -respondeu Obatalá.
E pensou: "aínda que é novo, ten grande intelixencia".
Non obstante, Obatalá decidiu probar de novo a Orula.
- Arranxáchesme un prato co mellor que hai no mundo -dixo Obatalá-. Isto foiche doado. Agora dareiche unha tarefa máis difícil: que me arranxes un prato co peor que haxa no mundo. Vai e non bulas moito na busca pois no mundo hai cousas malas abondo.
Orula foi ao mercado e de novo mercou unha lingua de vaca.
Volveu á casa coas herbas, as follas de loureiro e outros condimentos, preparou o prato e levoullo a Obatalá.
- Como! -dixo Obatalá-. A primeira vez que me trouxeches este prato dixéchesme que estaba feito co mellor que había no mundo, e confirmeiche que era certo. Agora vésme outra vez coa lingua de vaca e dis que se trata do peor que hai no mundo. Como explicas isto?
Orula respondeu:
- Sabio Obatalá, no que digo non hai nada estraño. É ben sabido que a lingua pode esnaquizar os esforzos dos homes e o bo nome dunha persoa. Cunha soa palabra pode privar o home dos seus medios de vida. A lingua serve para aldraxar e pode traerlles ás xentes moitos males. Pero aínda hai máis. Con ela é posible converter en escravos os habitantes dun país. Pode haber peor cousa no mundo?
E Obatalá respondeulle:
- Todo o que dis é certo. A primeira vez eran certas as túas palabras e tamén agora estás dicindo a verdade. Eu desconfiei da túa xuventude, pero agora respecto a túa intelixencia. Ti ocuparás o meu lugar.


Conto cubano sacado de Contos vellos pra rapaces novos de Xosé Neira Vilas; edicións do Castro, 1983.