En realidade, non sei en que invisto o tempo durante estas vacacións, ademais de en procurar descansar e non aumentar os malestares que me produce a fibromialxia, que este ano me está dando unha lata considerable. Non leo tanto coma no inverno, tampouco saio demasiado, agás para ir á vila facer a compra ou ó monte e á praia pasear con B e as cadelas.
Ás veces atopo xente coa que cambio impresións ou tan só charlo; así, infórmome de que á peixeira lle roubaron unha caixa de xoubas na porta da peixería, máis outra de peixe sen especificar na propia lonxa. Os de Petrus están abondo contentos coa marcha da empresa (algo que me aleda moitísimo) e moi entretidos controlando a Yako, o yorki adoptado, que sente a necesidade imperiosa de investigar o contorno sen avisar, pois o seu estado empúrrao a buscar outros cans para desafogar, co conseguinte perigo, xa que todos, sen excepción, son meirandes ca el. Non faltan, madía leva, as visitas á fisioterapeuta, a marabillosa María, cuxas mans tanto me alivian e cuxa conversa amiga tanto ben me fai. De cando en vez paso polo Plaza para botar un parrafeo con Juan e Tucho ou calquera seareiro de confianza, mais a maioría das miñas horas transcorren na casa e na horta, onde me deteño diante do pexegueiro a observar como vai a froita que sobreviviu (espero que se salven bastantes exemplares) e abráiome cos cinco marmelos do marmeleiro, tan gordos e pesados que inclinan o fino tronco da arboriña nunha postura indescritible. Continúo buscando sen éxito o aguacate que xuraría ter visto entre as enormes follas e contemplo abraiada as miúdas floriñas azuis dunha herba silvestre que B adora.
E así decorren os días, amodiño, tranquilos, relaxantes e únicos.
7 comentarios :
Non teña medo, que os días non lle pasan a correr só a vde: cada vez que penso que só resta unha semana para voltar ás aulas bótome a tremer.
O libro de Auster do que fala lino hai ben poucos meses; gustoume tanto que até o agasallei.
Ai, si. Dentro dunha semana cómpre acoller outro ritmo. Malo será...
E xa non estou para moito ritmo, pero cos paus que nos están a dar na pública, o sangue hanos correr ben.
Mellor, amodo e con boa letra.
e que sigas así por moito tempo, con esa paz que trasmites... pero que mellore a fibromialxia que é ben latosa.
biquiños,
A entrada debería titularse "O paraíso".
O tempo váisenos sen pedir permiso. E máis se o estamos desfrutando.
iso debe ser o que os sabios chaman felicidade e a xente nova "aburrimento", dixen iso do aburrimento porque cando eu era adolescente pasaba os veráns así na aldea e aburríame bastante, devoraba libros e desexaba ardientemente vida social... e, como cambiamos, que agora canta envexa me da todo iso que relatas... total, a fibromialxia xa a teño!
Auster, aparcado. Como case todo, menos as charlas e paseos cos amigos e a p. mudanza.
Publicar un comentario