30.12.14

O día en que cinco cans ocuparon o salón

Antes de nada, dicir que nesta foto está o Rei Kuma, un dos compañeiros de vida da estupenda fotógrafa Sara Miranda, aos que tiven a honra de recibir na miña casa o día 28, acompañados de María Patata Fría (que fai sombreiros) e dúas cadelas máis (Fiona e Tasha). Entre Kuma (que é un macho enorme), Fiona, Tasha, Dona e Melas, cinco (CINCO!!!) seres caninos deambularon pola horta presos de excitación, coa sorte de que chegou a hora do paseo e B levou a Dona e a Melas ao monte para desafogaren. Iso si, cando volveron, xuntáronse os cinco e, malia que o salón ten unhas proporcións xeitosiñas, houbo un momento en que só vía rabos, pelos e corpos movéndose ao noso redor como se estivésemos nunha protectora. Menos mal que non teño demasiadas cousas que rompan, pero debo confesar que non as tiña todas comigo, sobre todo pola miña tendencia a caer ao menor roce e a última caída xa sabemos como rematou. Tasha púxose nerviosa cando me viu coa teteira e largou dous ladridos que case me tadrean os miolos -Dona e Melas adoitan frearse e procuran non facelo dentro da casa, pois téñeno prohibido-; Dona sostivo con ela un medio rifirrafe que non pasou a maiores, e Fiona axudou a Melas a buscar a pedra filosofal no subsolo da horta. Kuma, pola súa parte, é tan grande (47-49 quilos) coma mimarreiro e buscaba mans e corpos coma se a vida lle dependese dunha caricia máis. En realidade, eu estaba feliz, sobre todo porque Sara e María son dúas persoas encantadoras coas que pasei unha tarde de domingo diferente, tomando té coma damas inglesas (non quixeron comer nada; en fin!), falando de miles de cousas e atendendo a cámara. Estou desexando ver os resultados.

6 comentarios :

Kaplan dixo...

Os meus mellores desexos para o próximo ano (e que siga compartíndoos connoscos desde aquí)

mariajesusparadela dixo...

Estaba eu sorrindo ó pensar que case xuntades trinta patas.
Os meus son uns insociables que non permiten a entrada de ninguén salvo de Blas e Turca, porque son amigos desde pequenos.
Feliz resto de vida e que tosos os males se queden na caída.
Aperta para xentes e cans.

Chousa da Alcandra dixo...

Menuda feira tiñas no salón, si. Eu póñome nervioso soamente con pensalo.
Que teñas un 2015 cheo de motivos para darlle ó rabo (!)

paideleo dixo...

Estamos en tempo de visistas e sempre se agradecen, sexan cans ou persoas.
Feliz 2015 !.

Zeltia dixo...

eu tamén quixera ver eses resultados!
pareceume moi interesante a páxina das fotógrafas, e tomo nota que quizá nalgún momento me gustase contar con elas, sempre que non sexa unha cousa carísima

:-)

peke dixo...

Polo momento, Zeltia, Sara Miranda anda metida nun proxecto persoal para atopar a beleza das maduriñas, así que non cómpre pagar. ;) Se che interesa participar, escríbeme e póñovos en contacto.