8.2.15

Belezas

Melas en actitude meditativa
Este inverno está resultando un regalo dos deuses, malia o frío e os poucos temporais que levamos enriba. Cando menos, brilla o sol con bastante frecuencia e pódese observar como vai mudando a luz a medida que os días crecen. Tamén é posible pasear pola horta e observar as árbores -case todas moi novas- con ou sen follas; as plantas baixas experimentan cambios case de día en día, e Dona e Melas convídanme polas mañás a saír con elas ao exterior, para logo pasar de min coma se non existise, agás se decido entrar de novo; entón volven á carga e, se me ven ocupada, sentan cabo de min e reláxanse.
Dona ollando pola "fiestra"
É agradable esta vida tranquila, sen grandes desgustos ou con eles, pero coa capacidade de asumilos sen facer un drama. Aínda que debo recoñecer que sigo agarrando cabreos coma antes, cando tiña máis enerxías; iso si, pásanme en menos tempo.
Gústame a beleza que me rodea, ter a sorte de poder gozar dela e non desexar unha vida con máis acción. Creo que a acción que máis gorentei sempre é a que me contan os libros, acomodada no sofá, ao abeiro de perigos.
Claro que a vida nunha vila pequena ten algún que outro inconveniente: tarde ou cedo, chéganme comentarios que dan por certas cousas sobre min que son incorrectas ou mentiras e, cando iso ocorre, me pregunto como é posible que a xente invente con tanta
lixeireza. Será que non teñen mellores asuntos que atender. Mentres tanto, eu ao meu.

4 comentarios :

mariajesusparadela dixo...

A esas xentes que inventan, suscríbeas ao teu blog, para que, de cando en vez, se poñan o día.
O sentimento primeiro é compartido. O pasado mércores comeron comigo Mari Ogando e Mercedes Seixo (tamén Mónica, pero é nova e non a coñeces) e falamos de onte e de hoxe, de tempos compartidos.
E , o que alguén diga de ti ou de min, alleo a nos, nin nos quita nin nos pon.

paideleo dixo...

Xa dicía Amos Oz que máis da metade do que sabemos dunha persoa é imaxinación.

Zeltia dixo...

que pena, non podo ver a primeira foto, que non me carga hoxe ben. Vereina noutro momento. Hoxe só deixar aquí un sorriso para estes teus tempos de paz. Vivir en armonía coa natureza e non botar de menos a actividade e emoci´´ons fortes doutros momentos vitais. Eu creo que vou por ese camiño tamén, non me disgusta ver como os antigos dramas por naderías son, como moito, traxicomedias.
Unha aperta e a seguir pasando da imaxinación popular (mentres non che veñan tirar pedras á casa)
:-)

Zeltia dixo...

Hoxe xa puden ver as fotos ben!
e sí, a beleza que perdía...!