16.8.04

Impresións erradas
Unha das causas do bloqueo creativo que padecín foi a impresión de que o que podía dicir xa estaba dito ou todo o mundo o coñecía. O erro parte da equivocada visión que me fago con demasiada frecuencia das cousas e, máis aínda, de min mesma. Por temor a repetir e repetirme fiquei para-liza-da sen saber cara ónde encamiñar pasos, ideas e fantasías, coidando que non me pertencían por completo.
Nos tempos que corren, tan paranoicos de plaxios e imitacións, considérase a orixinalidade como o deus supremo que abrangue desde temas e tratamento a personaxes e caracteres; outrora a temática non se renovaba coma hoxe, a materia de Bretaña reelaborábase decontino e calquera escritor que se prezase (re)tomaba a busca do Santo Graal, a táboa redonda e a corte do rei Artur para interpretala ao seu xeito. Só a partir do Renacemento -incluso un chisco máis tarde- xorde a valoración do individuo coma autor dunha obra orixinal.
Pero o caso non era ese. Descubro día a día neste mundo enlazado por milleiros de tentáculos invisibles que calquera pode achegar algo novo e diferente para outros, que os saberes son tantos e tan diversos que non caberían nunha soa cabeza, que o evidente para X pode resultar ignoto para Z...
¡En fin! Pé(ke) de banco dixit.

Ningún comentario :