|
|
|
|
Contradicións Hai algún tempo que me desentendín de ofrecer unha imaxe de min mesma; ando demasiado ocupada en ser eu como para, por riba, inquietarme por se parezo isto ou aquilo. Pero caio acotío nunha contradición que me amola un chisco, máis ca nada porque non lle vexo solución. Do pouco ou moito que levo vivido saquei en claro que aprender non é un camiño de rosas; cómpre tropezar, erguerse, cambalear e endereitarse apoiándose, se fai falla, nos caxatos que se presenten ou nos presten. Chámanlle -se non me trabuco- experiencia. Non pretendo facer apoloxía da dor, en absoluto, só constato que a realidade vital se compón de matices complexos, ás veces incomprensibles e dolorosos no momento, que nos fan crecer. Pois ben, isto que vexo tan clariño cando me atinxe a min ponme dos nervios en canto o observo nos seres que amo; de súpeto, éntrame unha ansia tola para que superen o mal trago nun abrir e cerrar de ollos, intento convencelos de que logo pasará, de que será moi útil e de que axiña se decatarán de que lles trouxo algo valioso. Gustaríame ser quen de reducirlles o proceso para aforrarlles sufrimento, a pesar de saber que se trata dun camiño persoal e intransferible ao que só podo achegar comprensión e compañía. Coido que está relacionado con ese afán protector que tanto me rebentaba cando mo aplicaban a min. ¡En fin! Contradicións. ¿Que non as ten? |
|
|
|
Problemiñas con interné Desde o sábado, máis ou menos, non podo entrar nos blos de Vendell, Jaio, Akin , Pawley e algúns máis nos que me meto de cando en vez. Sáeme unha nota que di "no se puede mostrar la página, etc.". ¿Por que raios ocorre iso? ¿Alguén que ande por aí podería explicarme se hai algunha solución, á parte de esperar? |
|
|
Blogs Contra, Reanimator e Todonada, entre outros, escriben sobre os blogs, da súa finalidade, das súas limitacións e da sinceridade e liberdade que permiten. As miñas ideas ao respecto non son demasiado claras, quizais porque antes de decidirme a abrir este penseino moito e, unha vez lanzada, tiro para adiante sen máis historias. Non fago como Cesare, o experto en cripticismo, probablemente porque me relaciono pouco (á parte de que o meu temperamento non me leva por ese camiño), pero conto o que me apetece, e os meus límites veñen dados por un pudor que ás veces roza o enfermizo; non me vexo contanto certas cousas, a verdade, e non porque vaian facerlle dano a ninguén; algún día, quizais, saltarei a barreira (in)consciente que me puxen e decida airear unha serie de cuestións que me roldan, mais sen a tiranía dos prazos. No meu caso, o anonimato -creo que total- permíteme unha soltura da que outros non gozan; aínda así, coido que hai límites que non se deberían traspasar (os que dite a conciencia de cada un). Tampouco valen as xeneralidades neste tema; os blogs son tan variados coma as persoas que os escriben; algúns semellan coutos pechados nos que ata dá certo reparo facer comentarios, coma se te estiveses metendo nunha conversa privada cuxas regras de xogo descoñeces. Pero, por outra parte, son públicos, así que... Non sei, marear a perdiz con qué pretendo, qué podo ou non podo contar, qué consecuencias traerá tal comentario paréceme unha perda de enerxía que non conduce a ningures. Ninguén nos obriga a facelo; calamos o que queremos e opinamos sobre o que nos chama a atención ou nos apetece. Non hai máis. Somos nós quen decidimos. Sempre. |
|
|
|
|
Sobremesa nocturna Punto de partida: - Na miña vila e na vila onde veraneo gañou o PP, así que gañamos. - Que non se achegue ese petroleiro á nosa costa, porque lle mandamos un canonazo e punto. Entre medias: - ¿Decátaste de que ten a mesma idade có Papa e meu pai? - ¡Vaia trío! Capitán Trueno, Goliat e Crispín. - Telo difícil para distribuír os papeis. - Polas bobadas que di, será Crispín. - Polas arroutadas e a vitalidade, Goliat. - Por "Santiago y cierra España", o capitán Trueno. - (A coro:) He, he, he... Desenlace: - Polo menos meu pai non vai facendo o ridículo en público. - Nin lle fai dano a ninguén... - ¿E se se presenta outra vez? ¡Terá oitenta e cinco anos! É antinatural. - Si, pero sabe que é o único que pode manter unido o PP galego, hoxe por hoxe, unha gaiola de grilos. - Vai quedar seco o día menos pensado nunha desas festongadas ás que se empeña en acudir. - Aos seus, con tal de manter a súa parcela de poder, dálles igual. - ¡Pero chochea! ¡Fíxate nas bobadas que di! É vergonzoso... - Por suposto, pero... se o seguen votando... Epílogo: En ano e medio poden pasar moitas cousas, incluso que se derrame un marcapasos de xeito irreversible. |
|
|
|
|
Ventana sobre el espejo (Eduardo Galeano: Las palabras andantes) "Solea el sol y se lleva los restos de sombra que ha dejado la noche. Los carros de caballos recogen, puerta por puerta, la basura. En el aire tiende la araña sus hilos de baba. El Tornillo camina las calles de Melo. En el pueblo lo tienen por loco. Él lleva un espejo en la mano y se mira con el ceño fruncido. No quita los ojos del espejo. - ¿Qué hacés, Tornillo? - Aquí -dice-. Controlando al enemigo". |
|
|
|
Conta atrás Xa queda menos para que remate a campaña. Como xa levo algunhas decepcións enriba, intento que a ilusión non se me desmande, porque logo pasa o que pasa. Se cadra fago mal, por aquilo de que de ilusión tamén se vive, pero estou farta de chascos, a verdade. Se por min fose, reaccionaría coma moitos: con carraxe e impotencia. Pero convivo cun "Pepito Grillo" que me lembra a cada pouco que a democracia consiste niso: en aceptar a decisión da maioría. Claro que cantidade non implica calidade, por suposto, pero hai que roela. Por se acaso, aos soñadores recoméndolles que vaian mercando 'Almax' (chámase así, ¿non?) en cantidades industriais, por se teñen que repartir... |
|
|
|
|
Antienrugas Cada vez me convenzo máis de que non hai coma unha boa crema electoral para sacar as enrugas. Alisa, nutre, amoza... ¡Por Deus! Se ata dan ben nas fotos dos carteis. ¿Ou non? Nada, nada; mañá mesmo vou buscar nas droguerías da zona a mellor marca. O malo é que non creo que a teñan. |
|
|
Trasnos O Diccionario dos seres míticos galegos trae un feixe de descricións dos trasnos; malpocadamente ningunha me serve. Áchome perante unha nova especie, nacida ao abeiro da nova tecnoloxía que me permite facer o que estou facendo; o fillo de mala nai presenta unha cor verde-grisácea, ten os ollos grandes e saídos, ningún pelo na súa cabeza de cabaza, enormes dentes roídos polo ácido da maldade e comprácese en levarme os dedos a botóns que non quero premer. O peor del, sen dúbida, é o riso abouxador con que tradea os oídos dos torpes. Se non fose invisible xa o estaba poñendo fóra da casa. |
|
|
|
|
|
31.3.04