|
|
Mano de obra (Bocas del tiempo de Eduardo Galeano) Mohammed Ashraf no va a la escuela. Desde que sale el sol hasta que asoma la luna, él corta, recorta, perfora, arma y cose pelotas de fútbol, que salen rodando de la aldea paquistaní de Umar Kot hacia los estadios del mundo. Mohammed tiene once años. Hace esto desde los cinco. Si supiera leer, y leer inglés, podría entender la inscripción que él pega en cada una de sus obras: Esta pelota no ha sido fabricada por niños. |
|
Sentidos Excursión duns quince adolescentes; parados diante do autobús, ocupan a beirarrúa; métome no medio para pasar, salpicando "desculpa", "permíteme", "por favor", palabras que fan efecto relativo. Noto algo raro, demasiada quietude en xente tan nova, movementos curtos, conxelados. Fíxome nos lentes de sol, nos ollos perdidos, nalgún bastón branco... Veume á cabeza J, un alumno cego que tiven. Movíase igual ca eles, a cabeza inclinada cara ao chan, aguzado o oído, a expresión concentrada e alerta. Continúo o meu camiño, no corazón un oco dorido. Non o terán doado. |
|
|
|
Respirando Aínda me queda un resto de tristura; acabará por disiparse, coma a brétema, grazas a unhas boas doses de sensatez e realismo. Meus pais son vellos, si, mal que me pese. Se cadra o que máis me pesa é a impotencia. Inevitable. Só podo respirar. |
|
|
|
Malas palabras (Bocas del tiempo. Eduardo Galeano) Ximena Dahm andaba muy nerviosa, porque aquella mañana iba a iniciar su vida en la escuela. Corriendo iba de un espejo a otro, por toda la casa; y en uno de esos ires y venires, tropezó con un bolso y cayó desparramada al piso. No lloró, pero se enojó: -¿Qué hace esta mierda acá? La madre educó: -Mijita, eso no se dice. Y Ximena, desde el piso, quiso saber: -¿Para qué existen, mamá, las palabras que no se dicen? |
|
|
Multitudes Como cada 25 de xullo as praias énchense de xente disposta a pasar o día como se supón que é o mellor xeito, inda que para moitos sexa un sacrificio incruento. Vai tanta calor que decidín ir mercar a prensa en coche, ante o risco de caer redonda no medio da foz. Ás veces teño ideas peores. Por sorte, puiden aparcar á sombra dunha árbore sen dar moitas voltas. O tráfico aumentou tanto nestas semanas que a rotonda ferve de decibelios; apenas escoito as palabras da quiosqueira, malia que xa perdeu o costume de tapar a boca coa man mentres me fala. Marcho despois dunha conversa interrompida por un ronsel de clientes medio espidos á última moda; o teléfono dos taxistas non cesou de soar na parada deserta intentando sobrepasar sen éxito o ruído ambiental. A terraza do bar onde adoito tomar un té con xeo está ateigada de xente, só quedan libres as mesas petadas de sol; o teíño tómoo na casa, ao abeiro da miña cova en penumbra, lonxe de rebumbios. Ogallá que os veciños non fagan unha das súas festas. Por momentos acho de menos a tranquilidade do inverno. |
|
|
|
Coñecerse a si mesmo Proceso lento, ás veces desconcertante, con frecuencia molesto; eu manteño a esperanza de non lle poñer nunca o punto final. |
|
|
|
Só quedou nun susto Empezo a pensar que este modelo de coche me persegue. A primeira vez case me enredo a golpes co conductor por convidalo con amabilidade a retirar o seu vehículo do medio porque molestaba. Se se me ocorre citarlle á nai, non sei cómo reaccionaría. Onte un aprendiz de geipollas estivo a piques de varrerme preto dunha rotonda por tomala en dúas rodas no centro urbano. Conteillo a B despois de cear, en afable sobremesa, e vin como se lle demudaba a faciana. Acababa de escoitar na radio unha desas tertulias que trataban dos accidentes de tráfico e na que non podía faltar o comentario o peor é que os accidentados non pasan dos vinte anos. Claro, pobriño, só tiña vinte anos. E a muller de mediana idade á que case saca do medio, ¿que? Pois nada, unha estatística máis, unha pensión menos á conta do Estado e outro viúvo que engadir ás excepcións. Nota: Geipollas: termo achegado por unha alumna de B, tan gráfico e expresivo que o fixemos noso. O significado é doado de enxergar. |
|
|
Obrigada A Martin Pawley por descubrirme a Mariasun Landa, autora de Un crocodilo debaixo da cama. Lino onte pola tarde cun sorriso interior que me durou varias horas. Pasen e vexan; ¡non se corten! |
|
|
Tempo e tempo Aínda que semelle incrible, de cando en vez detéñome a pensar. Ocórreme cando me decato de que se produciu unha mudanza nalgún aspecto da vida ou do sentir; por exemplo, coa percepción do tempo. Un bo día cruzoume a cabeza a sensación de que o tempo non transcorría, que estaba aí, que eramos nós os que pasabamos por el; outro, percibín nidia a entrada no outono polo recendo do aire, á marxe de calendarios e meses; á fin, un máis, sentinme fluír no tempo e no espazo ao xeito aplicado noutros campos por Csikszentmihalyi. Descubrín este autor de nome impronunciable pola recomendación dun psiquiatra a quen lle gustara moito Fluír, obra que achega unha nova visión do benestar. Pero estou derivando, como adoito. Comezo cunha idea, ganduxo outra sen relación aparente e remato falando, a base de percorrer retortos meandros, dos mellores métodos para conseguir que os biosbardos procreen en liberdade. Aínda que, ben mirado, tratábase diso: o tempo e o tempo; sen présa. |
|
|
Ao meu pesar II Continúa mancándome: -Reaccionar de xeito máis visceral ca razoable ante o que esixe cerebro. -Sentirme culpable por non satisfacer as propias expectativas. -Intentar convencerme de que morreu a miña capacidade de fabulación. -Non poder desfacerme dun lastre demasiado pesado. -Que me asolague a morriña do que non son nin poderei ser. -Renunciar ao que debo renunciar. -Non dar chorado máis acotío. -Facer coma quen non pasa nada. -O péndulo do meu ánimo. -Ignorar en qué dirección nado. -As encrucilladas envoltas en brétema. -A impaciencia para comigo mesma. -Dubidar do que creo. -Os días sen ilusión. |
|
|
|
Encargas Vou á hiperpapelería da zona encargar os dous libros recomendados en recentes posts por Pawley e Cesare. Hai tempo que non leo boa literatura infantil e apetéceme. O libreiro, un home serio e pouco dado á conversa con estraños, xa sorrí cando me ve; mesmo intentou unha vez apropiarse dun libro que eu pedira, pero non lle dei opción. Mal sabe el con quen trata. Adoito repartirme entre tres librarías por dúas razóns: contribuír á marcha das mesmas (todos teñen dereito a comer) e..., ben; dáme certo apuro que me digan ¡vaia!, vostede moito le, como se o feito de ler fose algo clandestino ou digno de censura. O do centro da Vila Real, bolecho e calvete, é un dos máis afables, sempre ten algún comentario que el coida amable e ás veces identifica as obras polas cores da portada. Comparte comigo o gusto polo polaco e intenta manterse ao día do que lle vai chegando; comprendo que non o consiga. A das aforas -florista, ademais- encarna a discreción, anota o pedido e loita coas distribuidoras que lle discuten a existencia deste ou aquel libro. Charlamos moito e coa confianza de dous anos de trato; gústame que non aluda ao meu vicio nin para ben nin para mal. Tamén merco por correo; pero esa é outra historia. |
|
|
Rarezas O pai dunha ex-compañeira (e, porén, amiga) decidiu un bo día non volver saír da casa; até que morreu, permaneceu vinte anos metido no seu oasis privado sen necesitar nada que este non lle ofrecese. Se había visitas, atendíaas con corrección se lle apetecía; en canto cansaba, retirábase ao despacho sen que ninguén se sentise molesto ou ofendido. O detalle pareceume estupendo naquela época, en que me acometían estraños devezos anacoréticos, pertinaces e teimudos coma moscas de setembro. Si, claro, ¡que cómodo!, ¿non?, contestou a amiga ao meu aplauso. Pois si, qué cómodo. Agora penso tamén que qué aburrido. |
|
Marear a perdiz Actividade practicada acotío por expertos, aprendices e afeccionados cun empeño digno de mellores causas. A frase en cuestión ten unha base real, desde a que se estendeu a outras áreas, a todas en realidade. A min cánsame un chisco e, cando a intención perseguida é evidente, irrítame. Claro que eu son moi rara. |
|
|
|
INHALAR -pausa- EXHALAR -pausa- Seguindo as indicacións telefónicas do experto, B intenta rescatar -ou reiniciar ou reconfigurar- o windows que fuxiu do meu ordenador; vai queimando etapas paseniñamente mentres eu procuro prepararme para o peor: a perda dos arquivos (¡¡¡aissss!!!). Como son unha ordenada desordenada patolóxica, supoño (tan só supoño) que a maioría deles están en disquetes, pero non teño seguranza ningunha; acudo a todos os recursos aprendidos en diversos manuais para non perder a serenidade nin cagarme no fillo da súa nai desocupado e malnacido que inventou un virus de tal calibre. Evito por todos os medios caer nos pensamentos deformados da personalización, do catastrofismo e do "pobetiña eu" que me roldan coma harpías de poutas esgrevias; en xeral consígoo, malia certos momentos de extrema febleza que levo como mellor sei. Este ano foi tan raro e anormal que ignoro por completo se fixen copias dos cambios que me ían xurdindo nos distintos proxectos, e dígome que, por un lado, é unha excelente oportunidade para volver empezar; por outro..., ¡enfin!, por outro non me digo máis ca ordinarieces. |
|
|
Virus e bacilos Non sei se se debe ao virus ou a que teño que usar un ordenador que non é o meu, pero síntome pelexona. Había ben de tempo que non me ocorría; moléstame todo, salto por calquera parvada e cómprenme grandes esforzos para non botar a lingua a pacer ou encerellarme nunha liorta que me dispare a adrenalina. Irrítame até cegarme o vello tópico que se empeña en separar homes e mulleres coma se non pertencesen á mesma especie. Nunca fun quen de compartir esa solidariedade co meu sexo que brinca por riba do razoable ou do que coido xusto; tampouco comprendo a irmandade entre homes polo mero feito de ser iso, homes. Creo que esa actitude contribúe a manter un sexismo que a estas alturas da evolución humana debería estar máis que superado. Lémbrame o corporativismo abstruso entre compañeiros de profesión, malia que o compañeiro en cuestión sexa un auténtico fillo de mala nai e peor pai. Oféndeme que me metan no mesmo saco ca a unha víbora só porque gañamos a vida do mesmo xeito ou que se dea por suposto que padezo os mesmos vicios ca outra por ser muller. Pois non. Non me peta facerme cómplice e apoiar unha persoa por tetuda e rexeitar outra por piroluda; négome a comportarme por sistema, vai en contra de todo aquilo polo que levo loitando desde que teño uso de razón. A próxima vez que me digan muller tiñas que ser serei incapaz de controlar os meus instintos máis violentos. |
|
|
|
Non me mires así Cravoulle o coitelo con tal saña que o sangue lle salpicou a face. O seu brazo asestou de xeito mecánico as trinta coiteladas seguintes, sen decatarse do cansazo até que se detivo. Arfando tatexou: "¡Isto para que aprendas!; como volvas mirarme así, arríncoche as tripas". |
|
Envexa 1. Sentimento de pesar polo ben alleo 2. Cobiza, desexo de facer ou ter o mesmo que fai outra persoa (Dicionario Xerais da Lingua). Definicións asépticas que non din nada do que desatan en quen a experimenta, das actuacións irracionais e malévolas en que desemboca. Unha meiga de Auria contábame o caso dunha muller que se recoñecía enferma de envexa, ata o punto de pasar noites sen durmir polo novo felpudo da veciña mercado nun todo a cen. A min recomendoume un ritual cunha vela para escorrentar o suposto meigallo que un envexoso me botara; explicoume tamén que as allas eran moito más efectivas cós allos á hora de protexer o portador de influenzas nefastas, teoría compartida por unha médica coa que charlaba de cando en vez. Esta última aconselloume conseguir unha cruz de Caravaca, cuxos poderes mesmo acadarían sandarme. E todo isto pola envexa, sentimento provocador de esaxeradas reaccións que tamén pulula por interné e que a min me custa comprender. Sospeito que son unha pánfila. |
|
|
|
Bochorno Levo o coche ao taller para que lle miren o aire acondicionado, que non funciona ben; ás veces nin sequera funciona. Dígolle ao home que revise tamén o depósito de auga, por se está furado. Marcho a coller un taxi que me transporte deica á Ramallosa e uns metros antes de chegar soa o telefonino: o home do taller dime que todo está en orde, que volva para alá e falamos. Sensación de "terra, ábrete e trágame" molesta a máis non poder. O taxista ri con ganas, pero solidarízase comigo: vostede levouno por algo e fixo ben.... Total, que o maldito aire funcionou de marabilla diante do especialista; que se volve fallar vaia decontado ao taller, pero así non pode ver nada. Non me cobrou. O taxista -un bo home, ¡seguro!- só me cobrou unha carreira. A quiosqueira comentou que hoxe debía de ser o meu día de sorte. Si, pero o madrugón non mo quita ninguén. |
|
|
Aclaracións previas Vidas exemplares é un libro de relatos non precisamente alegres. O que escollo como mostra é o máis curto -apenas catro folios- e, se cadra, o máis triste (unha amiga cualificouno de terrible). Non todos son así. Escribino nun estado de ledicia eufórica, cunha idea moi vaga de como se ía desenvolver; foi un dos poucos que saíu dun tirón. Cando o rematei, quedei horrorizada de min mesma. Vai no seguinte post e espero comentarios sinceros. |
|
|
|
Relacións persoais Antes era moi selectiva; parapetada tras un muro de manías, temores e prexuízos, non me permitía ningunha lixeireza e fiaba moi fino, tanto que ás veces ese fío rachaba convertido en fiaño. Creo que buscaba unha perfección imposible. A sorte de crecer é a evolución, sobre todo se un se decata da falsidade dos seus parámetros e rectifica a fondo. Os chascos forman parte do xogo: entrégaste, engánante, utilízante e foxes desa espiral. Pouco e pouco volves ao campo de batalla envolta nunha armadura protectora, até que chega o momento en que te liberas da ferralla, sabedora de que a única protección posible e efectiva emana do interior. Non espero nada de ninguén; se recibo, cóidoo un agasallo, doulle un valor enorme, pero non procuro máis nada; prefiro deixarme sorprender. Aprendín, incluso, a mostrarme amable con quen me desgusta, quizais por ter constatado que a amabilidade desarma ao contrario. Non me cómpre forzarme, sáeme de xeito espontáneo, fluído, sen hipocrisía. Se me comparo con quen fun, descoñézome. Agora sei que de todos e cada un dos que me rodean podo aprender e, se cadra, ata achegarlles algo que lles valla algún día. Cando lembro o belicosa que era, sempre en pé de guerra, agardando estocadas a traizón, decátome do moito que medrei facéndome máis pequena. E sigo sorprendéndome de min mesma. |
|
|
|
Dous tipos de usuarios Segundo un amigo meu, hai dous tipos de usuarios deste becho: os que tiveron un problema informático e os que están a piques de telo. Eu pertenzo ao primeiro, como non podía ser menos. Á marxe das miudezas, o peor que me ocorreu usando o ordenador foi perder unha novela case rematada. Como non me fiaba das miñas habilidades e notaba que algo non marchaba con normalidade, tiven a precaución de ir facendo unha copia en papel a medida que intentaba indagar qué demos lle ocorría á pantalla. Fracasei, por suposto, nas pescudas e, así como lle dei a aceptar os cambios, observei con auténtico espanto que o arquivo desaparecera. Empapada en suor e presa dun histerismo que me facía tatexar, chamei por teléfono a este amigo xa citado; primeiro ordenoume calma e logo acudiu -tal que un superheroe- ao rescate da novela perdida. ¡Ha! Imposible; estaba perdida de verdade. Aínda hoxe ignoramos por qué. A min non me pregunten. O incidente tivo a súa parte boa: ao volver escribir de novo a historia fun corrixindo e matizando palabras, frases e detalles. Ademais serviu para desfacerme de vez do temor reverente que me inspiraba o maldito cacharro. Iso si, amoloume unha barbaridade. |
31.7.04