Por fin cesou a calor enfermiza que nos tiña cos ánimos baixo mínimos; o ceo está cuberto e mesmo caen unhas cantas pingas de cando en vez; agradécese o cheiro a humidade, xa case esquecido.
A proximidade da mudanza absórbeme a atención e penso na cantidade de asuntos que cómpre solucionar até que esteamos instalados en Ribeira. Nada do outro mundo, pero un chisco atafegante: haberá que ir a Vigo e a Coruña a solucionar papeleo, facer unha morea de chamadas telefónicas, desembolsar cantidade de cartos e esperar a que todos os implicados collan ben os recados. E todo sen saber aínda que empresa se comprometerá a encargarse do traslado. Quizais lles sobra traballo ou quizais a seriedade que se lles supoñía non é máis ca outra palabra da propaganda coa que se anuncian; polo momento ningunha fixo acto de presenza na casa para ver de que se teñen que encargar.
Cando me descoido, cando baixo a garda e me deixo levar polos nervios, danme ganas de..., non sei ben de que me dan ganas, de berrar se cadra.
No que B e eu estamos de acordo é nas ganas que temos de mudarnos, de abandonar este recanto paradisíaco que tanto nos compraceu e que nos vai cansando. Non me estrañaría nada que tivese algo que ver neste noso desexo o Plan Xeral que o concello de Nigrán trae entre mans e que tanta poeirada levantou durante esta semana, até o punto de que os veciños montaron unha boa no edificio para evitar a reunión na que se ía aprobar. Aínda que non aprobo a violencia -non a coido solución de nada-, comprendo a indignación dunha xente que ve como se potencia a costa en contra do interior.
Ningún comentario :
Publicar un comentario