27.2.07

Lecturas varias

Coñecín a Emilio Carrere -de quen estou lendo La torre de los siete jorobados- hai pouco tempo por unha revista que lle dedica un artigo. Atraeume que o cualificase de autor de novela fantástica, misterio e aventuras ao estilo dos folletíns e proeume a curiosidade. Teño que confesar que me cansa un chisco, aínda que me gusta o politicamente incorrectos que soan hoxe en día os epítetos dirixidos aos chepudos, por suposto os malos da historia. Algunhas das aventuras son inverosímiles de máis e os protagonistas zafan dos enredos dun xeito máis que rocambolesco, pero serve para facerse unha idea do que vendía como churros na primeira metade do século pasado.
Tamén ando coa reletura do Quijote por sexta ou sétima vez para unha charla sobre el no ateneo. En tempos interesoume moito Cervantes e, sobre todo, esta obra da que moitos falan e non tantos leron, pois xa se sabe que quen máis quen menos coñece aventuras do fidalgo manchego aínda que só sexa polas series de televisión. Como os meus intereses cambiaron bastante ao longo dos anos, non estou gozando tanto coma nas anteriores ocasións, quizais porque aínda non cheguei á segunda parte, a que máis miolo ten desde o punto de vista literario.
Peter Pan de rojo escarlata, de Geraldine McCaughrean, estame decepcionando e, mediada a novela, cáeseme das mans. Semella unha simple acumulación de episodios sen fin nin meta que non consegue seducir. Será cuestión de arrombala até que atope un mellor momento.
Teño bastantes libros apetitosos agardando, pero os días só teñen vinte e catro horas e eu, só dous ollos.

Ningún comentario :