5.2.07

Exilio

Kaplan pídeme que poña tres motivos polos que me exiliaría. A estas alturas da vida dubido moito de que me exiliase de Galicia por nada (agás, se cadra, por amor), pero non está de máis reflexionar sobre tres cousas que me atacan os nervios desta España nosa.
1ª.- O partidismo a morte. Nin todo o que fai a esquerda está ben nin todo o que fai a dereita está mal e viceversa. Se fósemos un país en verdade civilizado e democrático comprenderiamos que tanto uns coma outros cometen erros ou teñen razón á marxe de ideoloxías políticas, pero céganos un pasado que non pedimos e convertemos en herdeiros dese pasado unha xente que, con toda probabilidade, non se sente herdeira de nada. Envexo, nese sentido, un Reino Unido con moita máis tradición democrática cá nosa e que non ten reparo en criticar o seu líder cando o está pedindo a berros. Aquí, porén, abonda con que este se protexa baixo determinadas siglas para que o espírito crítico desapareza sen deixar rastro. Irrítame até a furia.
2ª.- A burocracia. Sempre me custou comprender que para solucionar un asuntiño de nada que dependa da administración pública, cumpra dar voltas e máis voltas, que che leven a contra por sistema, sen escoitarte apenas, sacando da manga unha cláusula ou un imperativo que non ten razón de ser; que mesmo teñas que cabrearte en serio para que che presten atención; que teñas, en suma, que amosar unha mala educación que estás lonxe de sentir para solucionar ese asuntiño de nada. Ás veces penso moito en Larra. Rebéntame.
3ª.- O nacionalismo embiguista e limitador até o pailanismo. Son incapaz de comprender ese nacionalismo embiguista capaz de refugar ideas máis universalistas por unha presunta protección do propio. Ben está protexer o propio, ben está, pero nunca até o punto de pechar os ollos a unha realidade maior, máis ampla, máis complexa e rica, da cal, por outro lado, formamos parte. Negar a historia e o presente, negar o que temos entre mans non conduce a ningures, sobre todo cando vivimos tempos en que a mestizaxe cultural, a comprensión e aceptación do alleo solicitan impoñerse a berros.
Hai outros detalles que me poñen fóra de min, abofé que si, pero estes son os que nos últimos tempos máis me desacougan ou máis me roldan na cabeza.
Non sei se me exiliaría a xalundes. Se non me quedase máis remedio que escoller, quizais marcharía a Islandia, pero vai tanto frío, queda tan ao norte, os días e as noites duran tanto e, por riba, é unha illa, que dubido moito de que resistise o desacougo e a morriña. Nese sentido tiro a primitiva.
Non sinalo a ninguén; se a alguén lle apetece compartir connosco os seus íntimos motivos de exilio, non se prive.

Ningún comentario :