29.6.07

O home de Maryland

Aínda que leva vinte e cinco anos alá, achégase á centenaria con relativa frecuencia para ver amigos e familia. Webmaster púxonos en contacto cando B e mais eu viñamos buscar vivenda, hai case dous anos, e non se lle cae da boca. O home de Maryland isto, o home de Maryland aquilo, vai vir o home de Maryland, ao home de Maryland gustoulle (ou non lle gustou) tal cousa...
A min dábame curiosidade saber por que o home de Maryland lía este blog e Webmaster ilustroume: porque falas de libros. Pero resulta que os nosos gustos literarios son moi diferentes (a Webmaster non se lle pode crer todo o que di), así que intúo que debe de haber outras razóns.
Pero non nos desviemos (outro día tratarei máis a fondo a figura de Webmaster); o home de Maryland ten unha paixón contaxiosa polos libros, sobre todo dicionarios, enciclopedias e históricos, conta cunha cultura máis que ampla, un verbo fluído, unhas ganas tremendas de vivir e moita experiencia. A súa figura rexa de home curtido encerra un corazón tan grande que non lle cabe no peito e para min iso é o máis importante.
El non sabe o moito que me custa facer amigos, que teño moi poucos porque a vida así o decidiu, que ás veces confundo as cousas e son despistada. Pero quero que saiba que me sinto honrada, moi honrada, de que me considere amiga súa. Grazas, Paco, o gran home de Maryland.

27.6.07

Improvisación

O malo da improvisación é que o improvisador corre o risco de soltar algunha sandez que non tiña prevista. O peor é que os demais a escoitan.

25.6.07

Vacacións

Rematáronlle as clases a B (nestes momentos está pelexando con isto) e o ritmo vital cambia, xa non hai que coller o coche para ir ao instituto e andar a cen por hora para non chegar tarde. Será a primeira vez que pasemos o verán completo aquí, na nosa casa, e polo momento non hai demasiados plans, agás pasear, saír, tomar a vida con calma e visitar os médicos que temos pendentes. Hoxe o odontólogo pretendía abrirme as enxivas onde están os implantes, pero negueime en redondo porque mañá debo falar en público e non se trata de tatexar coas molestias dos cortes.
Presentarame o home de Maryland (os do Ateneo son moi cerimoniosos) e dáme curiosidade escoitar que vai dicir. Coñéceme polo blog e por unhas cantas charlas que mantivemos as poucas veces que coincidimos, así que a miña curiosidade queda xustificada.
Aínda que niso de coñecer as persoas habería moito que discutir, eu son bastante lenta en opinar, agás nos casos flagrantes de antipatía ou simpatía espontáneas, sobre todo a primeira.

20.6.07

Resultados

As análises xerais e particulares deron ben, agás un pequeno detalle doado de solucionar: hai que baixar peso, comer menos e pasear máis. Poñerémonos á faena, a ver se a vontade non decae comesta pola preguiza.

17.6.07

Visitas

Sempre me fai ilusión recibir visitas, algunhas máis ca outras, claro; non sería humana se non tivese preferencias. A que se anuncia en breve é a de Cesare, se cadra unha das máis estimulantes, aínda que pasa tan axiña coma un sen sentir. Andará de xira por Galicia percorrendo quilómetros nun coche alugado, actividade que me abraia polo moito que me cansa a min conducir. Pero, en fin, cada un é como é.
E como outra visita, acaba de chegarme á libraría que frecuento aquí El esnobismo de las golondrinas de Mauricio Wiesenthal, autor do que tiven noticia por unha revista e o reseñista foi tan convincente que encarguei o libro, un inmenso volume de mil cento corenta e oito páxinas que promete auténtico pracer. Buscando en gúguel dei con varios foros que falaban marabillas do autor, un becho raro que non adoita aparecer nos medios. Veremos.
Polo momento e aos poucos visito Estambul de Orhan Pamuk, o último premio Nobel de literatura. A palabra amargura é a que máis destaca neste libro de memorias, quizais por iso necesito descansar de cando en vez del, para que non se me enchoupen as neuronas de tanta saudade.

11.6.07

O paso do tempo

Xa pasaron catro anos desde que me xubilaron do ensino e teño que recoñecer que non boto de menos certos aspectos da profesión: o balbordo nos corredores, as conversas privadas con alumnos díscolos ou simplemente maleducados, a elaboración e corrección de exames, as xuntas de avaliación... Porén, teño certa morriña dalgunhas clases, cando conseguía captar a atención de ollos e orellas, as charlas que xurdían ás veces coa rapazada, a emoción que me producían os seus avances, a lectura en voz alta de contos que me gustaban en especial...: a comunicación.
O ensino formou parte da miña vida durante dezaoito intensos anos nos que me dediquei en corpo e alma a eles, os adolescentes que pasaron polas miñas mans, non coma fillos (iso nunca), pero si coma seres humanos a cuxa formación debía contribuír. Sentíame responsable e asumía esa responsabilidade como parte do traballo.
Cando me retirei desa voráxine centrei as miñas enerxías en recuperarme, en vivir de xeito tranquilo lonxe de ruídos molestos e de emocións demasiado fortes e as circunstancias leváronnos a un lugar ideal para curar o espírito e o corpo. Agora, aquí, as cousas son diferentes, non vivo tan illada nin a inestabilidade laboral de B pende sobre as nosas cabeza coma unha espada. É tempo de reflexión por fin, de saír desa especie de letargo que me mantivo coma unha semente á espera do momento axeitado. Creo que non está saíndo nada mal.

6.6.07

Xuño. Comezos.

Unha leve indisposición tívome estes días máis apampada do habitual, aínda que aproveitei para rematar o libro e facer os deberes. Mágoa que non me gorentase demasiado por un desaxuste entre o que conta e como se conta. Facer actuar as tesoiras pode resultar doloroso, pero é necesario incluso nun xénero tan versátil coma a novela.
Rematei tamén a preparación da charla sobre outra obra, que terá lugar no Ateneo a finais deste mes. Ante a inmensidade de aspectos que se poden tratar sobre un libro tan complexo, decicín centrarme no punto de vista literario, dando por suposto que os asistentes o leron. B fíxome ver que algunhas cousas só as poden coñecer os filólogos ou os que afondaron na traxectoria de Cervantes e Avellaneda, co cal deberei aclarar algúns detalliños ao longo da exposición. Pero, en fin, o primeiro paso xa está dado e vencido o medo escénico que me atenazaba. Non é que agora me sinta así, pero xa non se me encolle o estómago ante a idea de falar en público.