29.9.07

Outono

outono

As primeiras chuvias do outono teñen algo especial, coma se a Natureza decidise tomar unha ducha e quitar con ela o po das últimas calores do verán. O vento azouta os piñeiros que se ven desde a fiestra do meu estudio e empurra en refoladas a auga que bate case con saña nas paredes e tellados das casas.
Gústame esta estación, as cores ocres coas que tingue as follas das árbores, os castaños e amarelos que dan unha luminosidade distinta ao ambiente, o fresco que obriga a usar roupa de máis abrigo, as tardes de lectura no sofá cunha mantiña sobre as pernas, algún ocasional lume na cheminea, o arrecendo da terra mollada... Non é hoxe, por riba, cando gañamos unha hora?

Actualización: Non, non é hoxe.


Imaxe sacada de aquí.

25.9.07

Novela de suspense

Acabei La promesa de Harlan Coben, de quen xa lera outros libros. Aquí retoma o protagonista doutras historias, Myron Bolitar, antigo xogador de baloncesto retirado por mor dunha lesión e representante na vida cotiá. É o primeiro desta serie que chega ás miñas mans.
Despois de escoitar a conversa entre dúas adolescentes fillas de amigos, failles prometer que, de algunha vez atopárense de noite lonxe da casa e cun amigo que pretende conducir bébedo, o chamen a el, que as recollerá onde lle digan sen facer preguntas. Ao cabo duns días unha delas lémbralle esa promesa ao telefonalo de madrugada, el vaina buscar e déixaa onde ela lle indica, nunha rúa sen saída. Logo desaparece. A busca de Aimee é o motor da novela.
Aínda que ten momentos cara á metade en que parece decaer, a tensión mantense bastante ben ao longo da historia até chegar a un final bastante sorprendente (case coma se o autor sacase un coello do sombreiro), pero que non desmerece do conxunto.
Algúns dos personaxes son ben curiosos, outros excéntricos e case todos están caracterizados de xeito xenuíno; o estilo, como é típico neste campo, resulta fluído aínda que por veces a tradución chíe un chisco.
O autor, por certo, ten web.

23.9.07

Probando, probando

agonía
Había ben tempo que non subía unha foto, entre outras cousas porque perdera de vista a conta de flickr e porque os apuntamentos técnicos estaban gardados nunha carpeta que non abrín desde a mudanza; hoxe decidín refrescar memoria e dedos con esta foto tomada na miña anterior vivenda; é unha pasionaria que saíu tímida ou está morrendo? Púxenlle agonía porque máis ben me parece o segundo. Trouxemos a planta connosco e xa deu flores que fotografei, aínda que debo retomar a práctica e poñerme ao día. Quizais Webmaster poida botarme unha man. Seguro que si. ;)

22.9.07

O cerebro

Sempre me interesou o funcionamento do cerebro, quizais por saber que nel se atopa todo o que nos rexe, desde o cativo movemento dun dedo até un tic nervioso que non podemos controlar. Por iso fun á charla que tivo lugar onte no Bar Plaza de Ribeira, esperando que me dixesen algo novo, descoñecido ou simplemente que me sorprendesen. Aturei unha hora entre o rebumbio dos que estaban a outras cousas, as súas, pero o actor puido comigo. Os profesores non necesitaban o apoio dun actor para amenizar o acto, pois eles abondaban para darlle graza a esta exposición divulgativa.
Non resisto os chistes fáciles que acoden ao sexo para facer rir, seméllanme dun mal gusto indescritible, e o actor caeu no doado aludindo á vulva raquídea no canto de bulbo raquídeo porque na fala todo se confunde e os xogos de palabras desgraciados veñen de seu. Cativa fantasía é a que recorre a estas bromas para min fóra de lugar. Non cómpren para nada nunha charla distendida e amena.
Non asistín á segunda parte, claro; o actor espantoume, pero supoño que sería entretida cos xogos visuais que tiñan preparados, todos os que vin de esguello éranme familiares. Demasiado balbordo para min.

19.9.07

Comeza o curso

A mañá aínda non acabara de espreguizarse cando subín a persiana da cociña; a raia avermellada do horizonte anunciaba un día despexado e claro mentres preparaba o café e poñía a mesa para o almorzo. Había tanto tempo que non me erguía tan cedo que case esquecera o fermosas que poden chegar a ser as luces e sombras das mañás. Guiei moi amodo polo camiño salferido de arume que leva ao instituto e ollei o mundo coma se o contemplase por primeira vez; un corredor solitario, dúas mulleres paseando, un home maior cunha bolsa, un par de coches... Parte da vida. Deixei a B ante a porta co seu novo dicionario de grego e dirixinme á vila para seguir vendo partes de vidas.

16.9.07

Gadus morhua

Chámase así un restaurante no que ceamos onte cuxa especialidade é o bacallau. Non o descubrimos antes por non estarmos atentos e, se cadra, pola súa situación, enfronte do Grupo escolar, nunha casiña baixa das de toda a vida, algo afastada da morea de establecementos de comidas que pululan no Malecón e nas súas proximidades.
O carpaccio de polbo estaba rico, pero o prato estrela -bacallau con cabaciña, setas e espárragos verdes, máis un par de patacas- resultou unha revelación, e iso que eu non son moi amante deste peixe. Acompañámolo cun Pedrosa ben saboroso que baixaba só. De sobremesa, unha crema catalá compartida ben diferente das que aparecen xa feitas en recipientes de barro, e de remate un café de Kenia que me soubo a gloria.
A pesar de que a decoración do local non me encantou, o ambiente era agradable, sobre todo porque gran parte da noite estivemos sós; vantaxes de ir cear cedo. Moi, moi recomendable.

12.9.07

Microrrelatos

Por se a alguén lle interesa, convócase un concurso de microrrelatos moi apetecible. Premede en actividades. Quen se anima?

10.9.07

A tele

Hoxe veu a tele galega á casa para gravar unha entrevista da que sairán ao ar unhas escenas; o programa é deses nocturnos que poñen a horas prohibitivas, Libro aberto, e o tema vai sobre blogs de escritores. Escolléronme por veterana, pois este blog comezou a andar en febreiro de 2004, pero logo lembrei que o primeiro blog de escritor declarado (eu vou de medio anónima, aínda que as novas corren que voan) foi Cabrafanada, a bitácora de Fran Alonso, da que falei con Cesare cando me iniciaba neste mundo, daquela para min descoñecido.
Remisa como era a ter internet na casa, faime graza (e non é para menos) o enganchada que estou agora ás bitácoras, que leo con fruición e non só as que figuran enlazadas aí á esquerda, senón que de leoeosseus, a pícara de Allegue ou Brétemas (que teñen unhas listaxes ben longas) saltarico de aquí para alí e coñezo novos mundos. Tamén, desde que descubrín o blog de Rafael Reig, introdúzome noutros ámbitos, algúns ben curiosos e interesantes. Un que passava, do amigo Ferran, bibliotecario para máis datos, sérveme para practicar o meu cativo catalán, do que apenas lembro indicacións de cando estudaba filoloxía, aló na aldea sagrada, a miña pequena patria.
A entrevistadora e o cámara foron o colmo da amabilidade e, por riba, ao rematar o encontro, este último informoume de que a súa muller e eu estudamos filoloxía ao mesmo tempo, aínda que eu, madía leva, son maior ca ela, non en van pasei os cinco anos anteriores na facultade de historia. O que son as cousas e que cativo é este mundo.

9.9.07

Cada vez menos

O venres pasado tivo lugar un novo acto no Ateneo Valle-Inclán; desta vez faláronnos dos apelidos en Ribeira, aínda que o relator non se centrou só nos da vila e aludiu a moitos outros galegos e portugueses, en gran parte comúns, como é lóxico.
Este é un tema que me atrae moito; en xeral todo o que teña que ver coa onomástica e os topónimos me interesa, por iso decepcionoume un chisco que non se afondase máis nas cuestións das orixes e significados, e bastantes cousas que alí xurdiron resultáronme máis que coñecidas.
Agradeceuse a humildade do relator, aínda que non cumpría repetir tanto que non era filólogo, pois para dominar un tema non fai falta ter título ningún, senón curiosidade e afán de informarse.
Chocoume, iso si, que houbese tan pouca xente. Parece que ímpeto e o interese iniciais que levaban a encher o ateneo de xente con ganas de cultura vai dando paso a esa canseira tan típica dos que se senten á volta de todo. Tamén pode ser que o bo tempo empurre a xente ás terrazas e praias (B, por exemplo, non quixo perder o baño vespertino e alí quedou), pero non deixa de resultarme algo sorprendente o fenómeno, e máis se temos en conta o atractivo da charla. Ou non é apetecible afondar nas raíces da árbore da que vimos?

6.9.07

Mamá

Atopei a mamá bastante ben dadas as circunstancias; prestoulle o mes pasado en Hércules entre baños diarios na piscina, visitas aos seus sobriños-netos, feiras do libro e paseíños ao seu ritmo (xa sobrepasa os douscentos metros que antes a esgotaban). Fala moito de meu pai, do seu, da súa nenez na zona republicana e da súa mocidade na posguerra, temas estes últimos que ocupan boa parte da súa locuacidade irredenta. Entre as súas recentes teimas está a de procurar libros do meu avó, desaparecidos case todos despois da guerra civil, non tanto pola temática (política e economía sobre todo) canto por razóns sentimentais. Sospeito que lle custará dar con algún nas librarías de vello, aínda que hai uns anos a piques estivo de conseguilo; por unhas horas quedou sen un, vendido en oito mil pesetas a un descoñecido herculino a últimas horas da mañá.
Como sigo con probas e consultas, volveremos a semana próxima a despedir a tempada e non me estrañaría nada que xa tivese rematado o cadro do que nos amosou o boceto esta mañá. Espero que nunca perda as ganas de actividade.

4.9.07

Game over

Game over é o título dunha novela de Santiago Lopo que Biblos mandou de agasallo o anterior bimestre. Lera o comezo da mesma na páxina do club de lectores e gustoume a frescura da prosa e o tema, até o punto de que foi a obra do pedido que con máis ganas agardaba.
Breve, de estilo fluído, cunha intriga ben argallada, absorbente e bastante orixinal, tragueina dunha sentada antonte pola tarde, pero quedoume a sensación de que lle faltaban páxinas. É dicir, fíxoseme curta.
Claro que nestas novelas por entregas as regras fixas son inamobibles: os capítulos deben ter un número de caracteres determinado, non poden pasar de trinta e un capítulos, a acción, xa que logo, ten que estar concentrada... Quizais por iso mesmo me gustou máis: imaxino o esforzo do autor por non deixar voar a pluma e centrarse no choio. Espero a súa seguinte entrega con expectación.

1.9.07

Praias

Desde cativa todos os veráns ía á praia coa familia. Gustábame xogar na area, pasar o día sen vixilancia, bañarme até case converterme nun peixe e coñecer outros críos cos que compartía as horas.
As de Compostela e as Sinas son as primeiras das que gardo memoria e por veces véñenme refoladas de lembranzas, case todas alegres. Riazor vina cambiar ano tras ano, até converterse en algo imposible. Xa con B fun ás de Baltar e Montalvo, onde temos pasado horas e horas de sol, bocatas e froita; tamén acudimos a Lapamán e Agrelo, até que decidimos cambialas polas de Viveiro e Ribadeo, fartos das aglomeracións que sufría a provincia do sur.
Cando vivimos en Vila Real paseabamos moito por Ladeira, sobre todo no inverno; a pesar das algas que a ateigaban case todos os días, era unha boa praia carente de risco. Logo, en Nigrán, B chegou a collerlle algo de noxo a Praia América, onde resultaba imposible poñer un pé nos meses do verán. Grazas que durante o resto do ano estaba á nosa completa disposición. Por fin, onte fomos por primeira vez á famosa praia do Vilar co seu estupendo parque para pasear. Gustoume que non se permita o acceso aos cans, que haxa vixilantes para que a xente non deixe o coche en calquera lugar non permitido e a terraza do bar onde pasamos un anaco tomando cervexa e olivas.
Agora non me entusiasma a praia; entre que a auga está demasiado fría para min e non podo bañarme, que desenvolvín alerxia ao sol e que me amola pringarme de area, prefiro deixar a B a pé mesmo do mar e agardalo comodamente cun bo libro e unha bebida fresca no bar máis próximo.
Ao Vilar volveremos durante o inverno a pasear, cando marche toda esta xente. Seguen sen gustarme as aglomeracións.