24.4.08

Dona

Os primeiros días foron esgotadores porque ela aínda non coñecía nada ben este novo mundo no que aterrou. Había que guiala na horta para que se atrevese a avanzar, por exemplo. A pesar de todo xa aprendeu algunhas cousas: non debe ladrar se quere que lle abran a porta do cuarto, mexa e caga nos periódicos (espero non tardar moito en aprenderlle a facelo fóra), xa procura non morder (e iso que non morde moito) aínda que teño os brazos rabuñados. É feliz corricando na horta, xa coñeceu os nenos dos veciños, pasa moito tempo durmida aos meus pés mentres leo os libros do concurso e é unha alegría vela xogar e menearse toda cunha vitalidade que para min quixera eu.
Xa non me doen tanto os cadrís cando me agacho, pero chégalle; encántalle a fregona e un xoguete que ten con flocos. Hoxe fixo a primeira falcatruada: comer do cubo do lixo un papel empapado en prebe de zamburiñas en lata; por moito que lle abrín a boca xa o tragara. Volveuse tola co cheiro do embutido, pero non lle valeu de nada.
O meu tempo xa non é meu por completo. Non sei cando volverei actualizar, porque isto, meus, é coma criar un meniño.
Ten dous meses. É un bebé.

18.4.08

Chegou o día

Hoxe iremos recoller a Dona, que ten esa cariña de boa persoa. O clima non axuda moito para andar por esa estrada dos nosos pecados (a autovía está pechada por completo, aínda que os usuarios non acabamos de entendelo), pero é o que hai. Quen queira vela en movemento pode entrar aquí.
E agora marcho que me cómpre o tempo.

11.4.08

Vidiña


Como parece que nos últimos tempos non estou escollendo moi ben as lecturas, ocupo bastante tempo en facer recados, pasmar, continuar informándome sobre cans e ollar as azaleas que conseguimos non hai moito no mercado dos sábados. As flores da foto xa caeron, pero aledaron a casa durante algunhas semanas. Sempre me gustaron as azaleas, a pesar de que son velenosas para animais domésticos e nenos, porque os pétalos me lembran a muselina ou a seda e cada flor semella unha saia en miniatura para unha muller moi moi pequena.
Esta fin de semana B e mais eu estamos de aniversario; canto tempo xa e parece que foi onte! Mais non paga a pena pensar no paso do tempo nin nos seus estragos; o que imos celebrar é que nos divertimos xuntos.

8.4.08

Orquídea e caracois

Hai xa algunhas semanas que abriron as orquídeas do xardín. Esta, que eu lle chamo a branca, é a que mellor está, pois a outra sufriu un par de amputacións nun dos escasos temporais que tiveron lugar este ano e as flores da única vara que lle quedou están roídas polos caracois. Porque aquí, cando chove, aparecen moreas de caracois que esvaran polo vidro da ventá grande ou se pegan as paredes da casa ou incluso pasean sen vergonza polo porche. Desde cativa nunca vira tal cantidade deles. Se a invasión sobrepasa o meu límite, vounos collendo un a un e guíndoos por riba do muro á leira veciña, que está desocupada; ás veces, sen querer, piso un, pero non me agrada en absoluto matalos. En xeral, non me agrada matar ningún becho se non é estritamente necesario.

6.4.08

Novidade


Non me parece que La chica de sus sueños sexa un título axeitado para a última novela de Donna Leon, escritora norteamericana establecida en Venecia desde hai moitos anos, pois non acabo de verlle a relación coa trama e a acción, se cadra porque non ten o suficiente peso na mesma.
Tampouco me parece que sexa este un libro logrado coma outros protagonizados polo comisario Brunetti, xa que lle vexo unha descompensación entre as dúas tramas que non se acaba de salvar. Por exemplo, o que di a propaganda editorial sobre o tema da novela (a historia da nena xitana que aparece morta nunha canle) desenvólvese na segunda metade da mesma e sen afondar demasiado. Tampouco vexo ben resolta a primeira trama, que semella medio esquecida en canto xorde a segunda. Quedan demasiados cabos soltos por atar, enigmas que se suxiren pero que non se aclaran e a inquietante sensación de que algo fallou.
O mellor, coma sempre, o comisario Brunetti e Paola, a súa muller.

4.4.08

Decisión


Por fin está tomada a decisión. Unha destas cadelas é Dona, a que me fará compañía e á que terei que educar con man firme e cariñosa. Polo momento está coa irmá e a nai e non será até dentro dunhas semanas que chegue á casa.
Recibo e busco información sobre o mundo canino e non saio do meu asombro ante a cantidade de trebellos, artiluxios e xoguetes que existen no mercado para facerlles máis agradable a vida.
B non fai máis que lembrarme que é un can, un animal, e que non precisa de demasiadas cousas para ser feliz.
Todo o mundo me di que vou estar encantada, aínda que a saturación de información me fai sentir certo desconcerto e certo temor. A miña vida vai cambiar moito, seino, pero apetéceme saber que se sente coidando doutro ser vivo que non sexa humano. Estou convencida de que a experiencia pagará a pena.