Leo con enorme deleite, desde que chegou ás miñas mans o primeiro volume (alá por 1998, máis ou menos), a serie creada por Andrea Camilleri cuxo protagonista é Salvo Montalbano, comisario de policía en Vigàta, Sicilia. Cando llo recomendei a miña nai, tiña as miñas dúbidas pola linguaxe desinhibida e malsoante que podía molestala ou escandalizala (agora, con 87 anos, goza coma unha meniña co que ela chama "ocorrencias" dos personaxes), pero tamén tiña a seguranza de que a calidade literaria deste escritor siciliano ía cativala. E non me trabuquei.En La edad de la duda atopamos un Salvo consciente da súa idade (58 anos que o persoal non fai máis que lembrarlle), que sofre os sobresaltos dun súpeto namoramento, dun auténtico frechazo, que lle remexe ata as máis escuras e agachadas vísceras que acubilla no seu interior. Os seus ires e vires internos flutúan con todos os matices esperados e inesperados que mesmo chegan a desconcertar por momentos os seus colaboradores.
Non debo dicir máis, pois temo que calquera cousa que engada poida destripar algo que só a lectura debería facilitar. Insuperable (ou case).


