31.7.12

Pobre Salvù!

Leo con enorme deleite, desde que chegou ás miñas mans o primeiro volume (alá por 1998, máis ou menos), a serie creada por Andrea Camilleri cuxo protagonista é Salvo Montalbano, comisario de policía en Vigàta, Sicilia. Cando llo recomendei a miña nai, tiña as miñas dúbidas pola linguaxe desinhibida e malsoante que podía molestala ou escandalizala (agora, con 87 anos, goza coma unha meniña co que ela chama "ocorrencias" dos personaxes), pero tamén tiña a seguranza de que a calidade literaria deste escritor siciliano ía cativala. E non me trabuquei.
En La edad de la duda atopamos un Salvo consciente da súa idade (58 anos que o persoal non fai máis que lembrarlle), que sofre os sobresaltos dun súpeto namoramento, dun auténtico frechazo, que lle remexe ata as máis escuras e agachadas vísceras que acubilla no seu interior. Os seus ires e vires internos flutúan con todos os matices esperados e inesperados que mesmo chegan a desconcertar por momentos os seus colaboradores.
Non debo dicir máis, pois temo que calquera cousa que engada poida destripar algo que só a lectura debería facilitar. Insuperable (ou case).

3 comentarios :

matrioska_verde dixo...

pois terei en conta este libro, claro que sí.

biquiños,

mariajesusparadela dixo...

Si o dí unha escritora coma ti, hai que confiar.
(ainda me arrepío con aquela historia das flores)

Paz Zeltia dixo...

moi ben moi ben, dicir o suficiente pero non demasiado! (odio os spoilers!)

e agradecerche: da gusto vir por aquí e atopar sempre boas recomendacións...
claro que ou tí estás rodeada de "recomendadores-as" excelentes, ou tes unha sorte quinindiós!

metíchesme moita gana de ler esta novela, parece máis doada para o verán que a autobiografía de Auster...

:-)

feliz vérán!