11.10.13

Colleita

Hai anos, aínda en Auria, mercamos unha oliveira anana a un viveiro holandés; B devecía por unha e no balcón só cabía aquela ananez que viña nun testo. Trasladouse connosco a Monte Lourido e alí permaneceu sen cambios ata que chegamos aquí, onde contamos cunha horta bastante xeitosa. A alma do xardineiro afeccionado decidiu poñela en terra, á beira da cancela; como non medraría moito, non molestaría para entrar e saír. O caso é que, feliz no novo hábitat, a oliveira medrou e engordou (cómpre chapodala por un lado todos os meses para non quitar un ollo cando pasamos) e este ano encheuse de floriñas que vimos como, moi paseniño, ían converténdose nos froitos de Atenea.
A principios desta semana as bagas bicolores da deusa semellaban listas para seren recolleitas e, con axuda de Melas, dediquei parte dunha mañá á tarefa. Velaquí o resultado do meu labor; agora permanecerán vinte días en auga (cómpre cambiárllela todos os días) ata que estean preparadas para continuar o tratamento que as faga comestibles.

6 comentarios :

Leia G dixo...

Flipo!!!!! Menuda colleita!

Aldabra dixo...

y que ricas son las aceitunas de verdad, como digo yo... tienen un color distinto, un sabor distinto... ¡que as disfrutedes con moita saúde!

biquiños,

p.d.: onte deixeiche unha mexsaxe no feisbuk

Anónimo dixo...

Que boa pinta!
Parabéns pola colleita.
X

mariajesusparadela dixo...

Qué terá esta nosa terra pródiga que da froitos do sur, do leste e nosos propios.
Ti tes os froitos da oliveira; eu teño una laranxeira que ten laranxas riquísimas todo o ano. E tamén teño limóns.
E, éche ben certo, non hai coma o da casa.

Zeltia dixo...

ah, gustaríame saber a continuación da historia...
na casa da aldea prantou meu irmao unhas oliveiras, inda miudas, pero deron algunhas (poucas) xa no primeiro ano. E eu non sei que facer con elas.

Peke dixo...

Zeltia, en breve poñerei a continuación da historia. A ver se as cato antes e cóntoche. ;)