Aínda que eu realicei a colleita, B encargouse de buscar unha receita para facer comestibles as olivas. Atopou dúas algo diferentes e colleu polo camiño do medio; é dicir, mesturou as dúas.
As olivas deben permanecer nun recipiente con auga entre dez e vinte días (as nosas estiveron quince), auga que cómpre cambiar a diario. Tras isto, póñense en auga con sal, en cantidade suficiente para que flote un ovo; o cambio da auga con sal realizouse cada tres ou catro días durante un total de doce, máis ou menos. Agora xa están listas para aliñar e, como se ve na foto, cada tarro ten un aliño diferente; o líquido segue a ser auga e o aliño depende, coma todo, da imaxinación e os gustos de quen as prepare. O aliño oriental leva xenxibre, cúrcuma e non sei que máis, pois B case non lembra o que lles botou; noutro tarro, o do aliño occidental, hai romeu, ourego, pemento moído e tomiño, entre outras herbas. No último, vinagre, pemento, allo (coido que se pasou con el, porque cheira que tira para atrás) e algo máis. De cando en vez axítanse os tarros para que as olivas collan ben o sabor. Onte probamos unhas poucas e podo asegurar que non están nada mal.
2 comentarios :
Teñen unha pintaza!
(a min non me prestan ao estómago, pero gústanme)
as oliveiras da casa son moi noviñas, (un ano) pero algunha xa se estrearon. As olivas son moito máis pequenas... ou pode que inda non estean ben criadas :/ (éme un tema tan alleo!) pero agora estou con interese que medra por dias!
grazas pola explicación: anímame.
O de ún sempre é riquísimo.
Boa pinta si que teñen.
Publicar un comentario