29.12.13

Rochas

O monte da Garita queda moi preto da casa e a el imos acotío a pasear coas cadelas; elas dedícanse ás súas ocupacións favoritas, que consisten en osmar todo a fondo, buscar coellos e non pillalos nunca (do cal me alegro), choutar e correr con liberdade, roer piñas e paus e saudar a quen nos cruzamos. B goza coma un cosaco ollando as novidades que se produciron desde o día anterior e eu, basicamente, procuro non despegar moito os ollos do chan para non tropezar coas raíces e pedras; detéñome de cando en vez para mirar a contorna e descubrir cousas que non deixan de sorprenderme, coma ese piñeiro que medra no medio e medio das rochas. Porque a Garita está salferida de penedos enormes e un dos máis grandes é o miradoiro, que mesmo ten uns chanzos primitivos para agatuñar ao cume e contemplar as amplas vistas. Eu nunca subín pola sinxela razón de que logo hai que baixar e dubido moito da miña habilidade para facelo sen dano. A B, porén, encántalle imitar a Tarzán e emitir berros inconexos que o deixan coma novo.
Resulta rechamante este monte penedoso, dividido en leiras de distintos donos, cruzadas por unha morea de camiños, ao que acode xente de todo tipo: ionquis, amantes do botellón, amantes a secas, paseantes, deportistas, buscadores de setas e recolectores de piñas. O que non acabo de comprender é por que, se existen varios puntos limpos e recollida de trastes a domicilio, hai persoas que se molestan en levar alí colchóns, sofás, lavabos, bañeiras, persianas e restos varios. Sospeito que é un costume moi galego difícil de erradicar.

9 comentarios :

MH dixo...

Bueno, a ver si este nuevo-viejo look te parece bien.
Bicos,

Leia G dixo...

Qué chulas, me encantan las rocas también!

peke dixo...

Gústame, MH, pero creo que a letra é un pouco pequena. Por que se puxo así?

Chousa da Alcandra dixo...

Que no 2014 poidamos choutar e correr con liberdade (alomenos coa lingua).

Chousa da Alcandra dixo...

(A pregunta que lle fas a MH non ten desperdicio. Se lle quitas a palabra "letra"...Como a vida mesma!!! jajajaja)

mariajesusparadela dixo...

Hai unha forma de baixar sen dano: sentándose no chan e posando o pes no chanzo mais baixo. Éche ben seguriño, proba: non deixes de ver una panorámica por medo ó chan.
.
Feliz ano para os catro.

mariajesusparadela dixo...

(O comentario de Chousa é xenial)

paideleo dixo...

Iso dos desperdicios espallados por aí dá para máis dun posteo.
Hai unha zona detrás de onde vivo que eu bauticei como Escombristán e xa falarei dela un día.
Tamén na contorna de Vilaguindastre temos penedos grandes.

Zeltia dixo...

tamén en Dornelas, na miña aldea.
Se cargan coas lavadoras no coche, por que non levalo ao punto limpio e non botalas terraplén abaixo! pois así é: unha congostra antiquísima, feita a base de moitos carros pasar e moitas vaquiñas turrar deles costa arriba, agora é cemiterio de merda.